Helicópteros 'Tigre' comezan a dar protección e seguridade á Brilat no repregamento de Afganistán
Por Redacción
A fase de repregamento das Forzas Armadas españolas da misión de Afganistán que a Brilat lidera na provincia de Badghis dende o pasado outono contará dende este mércores 27 de marzo cun apoio máis. Os helicópteros 'Tigre' xa embarcaron na base madrileña de Torrejón para ser enviados ao destino asiático.
Trátase de tres helicópteros pertencentes ao Batallón de Helicópteros de Ataque (BHELA) número 1, con sede na base 'Coronel Sánchez Bilbao' de Almagro (Ciudad Real).
As aeronaves embarcaron este martes nun avión de transporte 'Antonov' para o seu traslado á base de Herat e, segundo informa o Ministerio de Defensa, o 'Antonov' ten previsto despegar cara a Herat a primeira hora da mañá deste mércores 27 de marzo. Alí serán recibidos polos compoñentes do BHELA que dende o 19 de marzo se encontran en Afganistán.
Na que será primeira misión de combate, o 'Tigre' achegará as súas enormes capacidades para dar protección e seguridade ás nosas forzas no repregamento iniciado. Están previstas dúas rotacións, cada unha delas composta por 32 militares, entre pilotos, mecánicos e persoal de plana maior. En principio, está previsto que a duración de cada unha delas sexa de catro meses aproximadamente.
O despregamento do 'Tigre' HAP (Helicóptero de Apoio e Protección), coñecido como a versión francesa, supón o primeiro paso na consolidación do helicóptero de ataque no Exército de Terra. Podería definirse o helicóptero 'Tigre' como un verdadeiro "sistema de armas" equipado cun canón de 30 milímetros no morro e capaz de portar xuntos ata catro mísiles 'Mistral' (aire-aire) e 44 foguetes de 68 milímetros (aire-terra).
O helicóptero que se despregará está equipado cun sistema de defensas composto por alertadores radar (que o avisa cando un radar o está a detectar), alertadores de lanzamento de mísiles (que detecta cando o inimigo lanza un mísil), alertadores láser (detecta se un raio láser incide sobre o helicóptero, indicando que está a ser designado como obxectivo). Tamén dispón de contramedidas como lanzador de chaff e bengalas para enganar e desviar o mísil lanzado contra o helicóptero.