O peixe, produto estrela do Mercado en Semana Santa
Por Oskar Viéitez
O Mercado de Abastos anímase coa Semana Santa. As vendedoras da Praza pontevedresa viviron na mañá do mércores unha das xornadas de máis actividade das últimas semanas.
A tradición da vixilia (non consumir carnes vermellas) non perde seguidores, e o público acudiu ao Mercado durante toda a mañá xerando un bo ambiente. Outra das razóns que dan algunhas vendedoras sobre o incremento na venda dalgúns produtos perecedeiros, é que non hai mercado durante os días Xoves e Venres Santo, polo cal, algúns clientes adiantan a súa compra para eses días festivos.
Por suposto o período de vixilia sentou especialmente ben ás vendas de peixe. En especial o bacallao.
As especies máis pequenas, como o xurel, a xouba, o chincho ou o lirio, foron moi demandadas nos postos da Praza municipal, aínda que os responsables dos negocios de restauración seguen optando por xénero máis grande, como o lenguado, o rodaballo e o rape.
E é que durante estes días os restauradores están facendo provisión de mercancía polos posibles turistas que poidan chegar a última hora, que algúns xa están aquí, como testemuñaban un numeroso grupo de visitantes alemáns ao longo da mañá.
Tal e como explicaba a presidenta da Asociación do Mercado de Abastos de Pontevedra (Amapo), Manuela Domínguez, "non hai gran variedade de produtos, pero a praza está espectacular". En canto aos prezos apenas se moveron durante os últimos días.
"Están ben, os prezos están ben", interrompe unha clienta.
"Porque non miraches o lenguado, que está caro de carallo", remacha outra señora.
Comprobámolo:
- A lubina de piscifactoría está entre 8 e 9 euros mentres que a da ría esta entre 12 e 15, dependendo do tamaño.
- O rodaballo de piscifactoría está entre 10 e 11 euros.
- A pescada está entre 7 e 9 euros.
- A pescadilla está entre 5 e 8 euros.
- O rapante está a partir de 7 euros e ata 11 "o de ría, eh?".
- O xurelito está a 4 e 5 euros.
- A sardina está a 3 euros.
- A xoubiña está entre 5 e 6 euros.
En canto ao marisco
- A cigala está entre 25 e 30 euros, "cun tamañito moi bo".
- O gambón está entre 10 e os 12 euros.
- A gamba está a 10.
- E aínda que hoxe houbo pouca, a centola vendeuse entre os 20 e os 22 euros.
- Finalmente o rape está entre os 7 e ata os 10 euros.
Ademais rexístrase un incremento aproximado do 20% na demanda de froitas, hortalizas e verduras, alimentos de frecuente uso acompañante do peixe e de maior facilidade e consumo durante os días de descanso; ademais de ovos e lácteos.
Pola contra a carne, malia que cada vez menos xente garda vixilia, tivo unha baixada nas súas vendas entre 20% e 30%; segundo os distribuidores.