Marea buscará un acordo do pleno para instar á Xunta a cumprir o cese de Elnosa en decembro
Por Redacción
O grupo municipal de Marea Pontevedra presentou unha moción para o seu debate no próximo pleno da Corporación municipal na que busca o apoio de todos os partidos para instar á Xunta de Galicia a facer cumprir o prazo ditaminado pola Unión Europea como data de cese e peche de actividade de Elnosa nos terreos de dominio marítimo-terrestre que ocupa en Lourizán.
Esa data límite é o 11 de decembro de 2017 e, na mesma moción, o voceiro de Marea, Luis Rei, tamén pide que se inste a todas as administracións públicas, incluído o Concello, a que, tras o peche e a desafectación dos terreos que agora ocupa Elnosa, dean inicio a un proceso de recuperación integral da zona.
Marea Pontevedra leva a pleno esta moción despois de que a Unión Europea rexeitara a moratoria solicitada por Elnosa para seguir usando mercurio máis aló deste ano 2017. Constatada esta resolución europea, o partido que lidera Luis Rei insiste en que a cloreira "tomoulle o pelo aos traballadores" e recorda a todas as administracións que se permiten que continue a súa actividade "raiarían a prevaricación".
A formación política lembra que foi a propia Unión Europea, por medio da directriz de Emisións industriais (Directiva 2010/75/UE), a que marcou a data de 11 de decembro de 2017 para a entrada en vigor da prohibición de producir cloro empregando mercurio e a obriga a modificar os procesos que utilizan este material pesado por outros máis limpos.
Desde este cambio legal, a xestión de Elnosa non realizou os cambios necesarios para cumprir a lei, senón que "estivo máis centrada en mercar vontades", de tal maneira que prexudicou aos seus traballadores, aos que "non lles buscou alternativas para manter as súas familias dun xeito digno".
Por outro lado, Marea Pontevedra insiste en que os recursos da ría de Pontevedra e o seu aproveitamento conforman unha economía sostible que se viu seriamente ameazada por estas actividades industriais nada respectuosas co medio, e que non se poden desenvolver ao mesmo tempo e no mesmo espazo físico os usos sostibles e os ambientalmente punitivos. Por este motivo pide que se inicie o proceso de recuperación integral da zona.
Relacionadas:
-
Traballadores de Elnosa rexeitarán no Parlamento Galego o "fanatismo" de BNG e Marea
Por Anxo Lourido |
-
A Xunta inicia os trámites para conceder a autorización ambiental integrada a Elnosa
Por Oskar Viéitez |
-
A APDR pregúntase se a Xunta e o Estado "finalmente farán cumprir a lei" tras o ditame de Europa sobre Elnosa
Por Redacción |
-
A Unión Europea prohibe a Elnosa seguir utilizando mercurio a partir de decembro
Por Redacción | Creada e actualizada