Unha hostaleira denuncia que as "trabas" do Concello impídenlle 'facer o agosto' na praza da Estrela
Por Natalia Puga
Unha sentenza do Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Pontevedra ditaba o pasado mes de xuño unha sentenza sen precedentes: anulaba todas as resolucións ditadas polo Concello polas que se denegaba a instalación de veladores na praza da Estrela, abrindo a porta para colocar nese espazo outra terraza diferente á do coñecido bar Carabela.
O fallo xudicial é o resultado dunha demanda presentada polo outro local situado na praza, o restaurante Meigas Fóra, pero, máis de mes e medio despois, atópase con "trabas" e "atrasos" por parte da administración local que aseguran que lle ocasionan "prexuízos económicos".
Xa perderon a explotación da terraza durante o mes de xullo e van camiño de quedar sen poder 'facer o agosto', pois o mes que acaba de empezar é o máis forte do ano en canto a chegada de turismo e actividade hostaleira e eles non poden instalar mesas na céntrica praza da Estrela a pesar de que teñen unha sentenza que apoia as súas reivindicacións.
O fallo anula as resolucións polas que o Concello rexeitáballe a solicitude de licenza para dez veladores e declara a obrigación da administración local de ditar unha resolución pola que se fixa cantos veladores pode instalar Meigas Fóra, de modo que legalmente non poden instalalos ata que exista esa resolución e o Concello atrásaa por causas que eles descoñecen e critican.
Este atraso por parte do Concello levoulles, nos últimos días, a decidir unilateralmente cómo se aplica a sentenza e a instalar 'de facto' a terraza demandada que lle autoriza a sentenza, pero sobre a que aínda non hai unha resolución do servizo de Disciplina Urbanística. Ten licenza para tres veladores na fachada do local na rúa Figueroa e dúas pola rúa San Román e instalou os cinco e, a maiores, as dez meses que solicitou na praza da Estrela.
A hostaleira propietaria de Meigas Fóra, Marta García Justo, e o seu avogado, Andrés Malvar, quixeron explicar este luns a situación na que se atopan. A sentenza ditouse o 2 de xuño e, tras ser notificada ás partes, o Concello tiña dez días para resolver como se executaba. Ao non obter resposta, en xullo remitiron escritos tanto ao Concello como ao Xulgado e teñen unha nova resolución xudicial na que se insta á emisión da resolución que tanto se atrasa.
Os trámites xudiciais e administrativos van por unha banda e as demandas reais desta hostaleira por outro e, segundo os prazos que manexa o avogado Andrés Malvar, o mes de agosto non é hábil, de modo que agora o Concello pode retrar a súa resolución mesmo ata o 1 de setembro. Ese prazo implica que perderá poder explotar a terraza durante todo o mes de agosto e tamén a Feira Franca, que se celebra a primeira fin de semana de setembro.
Ante tal situación, séntense prexudicados a nivel económico polo Concello de Pontevedra. Ademais, critican a actitude do goberno local, que lle negou "reiteradamente" reunións para poder reunirse coa concelleira competente en Urbanismo, Carme da Silva. Solicitáronas tanto por escrito como por teléfono. Ademais, tamén pediron audiencia co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, tamén sen resposta.
Relacionadas:
-
Unha hostaleira pontevedresa, trala morte do seu pai por COVID-19, pide á ministra de Traballo axuda para os seus empregados
Por Redacción |
-
O Concello ordenará "de oficio" as terrazas da Praza da Estrela
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra xuntará os hostaleiros para presentar a ordenanza de terrazas
Por Alejandro Espiño |
-
O Carabela perde o monopolio da terraza na Praza da Estrela
Por Oskar Viéitez |