A serie 'Fariña' converte a Audiencia Provincial e o Valle-Inclán en set de rodaxe
Por Cristina Saiz & Natalia Puga
O despacho do presidente da Audiencia Provincial de Pontevedra, na sede xudicial da rúa Rosalía de Castro, converteuse este martes no despacho dun secretario de Estado. O instituto Valle Inclán, no paseo de Montero Ríos, pasou a ser un xulgado. Todo por obra e arte da produción audiovisual e para facilitar a rodaxe da serie Fariña, baseada no libro de título homónimo de Nacho Carretero e que se roda en Galicia desde o pasado mes de maio.
A partir de media mañá, o set de rodaxe instalouse na Audiencia Provincial. No interior tan só interesaba rodar no despacho do presidente da Audiencia, pero Fariña é unha produción de gran tamaño de Bambú Producciones e, alí onde vai, require un amplo despregamento de meddios materiais e humanos. Durante toda a mañá, a Policía Local acordoou os arredores e os vehículos do equipo pediran permiso para ocupar todas as prazas de aparcadoiro de servizos e carga e descarga dos arredores.
Ata as 16.00 horas, o equipo despregouse na Audiencia e tamén foi o lugar elixido para gozar do cátering de mediodía, todo para optimizar todo o tempo no que utilizaban o emprazamento e as horas de traballo do equipo.
Xa pola tarde, e tras revolucionar esa zona de Pontevedra durante toda a mañá, a rodaxe de Atresmedia Televisión e Bambú Producciones trasladouse ao instittuto Valle-Inclán. Unha vez máis, utilizáronse escenarios interiores, pero o equipo despregouse tamén no exterior, chamando a atención de pontevedreses e visitantes.
O centro de atención foi o actor Tristán Ulloa, que chegou a Fariña xusto despois de pasar pola terceira tempada de Narcos para interpretar ao antagonista da historia. Dá vida a un dos poucos personaxes ficcionados da serie, o sarxento da Garda Civil Darío Castro, o policía honesto ao que os narcos non logran corromper e persegue a Sito Miñanco loitando contra o sistema.
Como adaptación do best-seller escrito por Nacho Carretero no que recolle a negra historia do tráfico de droga en Galicia, Fariña ródase integramente na comunidade, todo en escenarios naturais, tanto interiores como exteriores. Nas súas rodaxes recréase, iso si, outra época, en concreto, os anos 80. A primeira tempada da serie, que se emitirá en Antena 3, estará ambientada entre 1979 e a coñecida operación Nécora de 1990.
Protagonizada polo actor de Noia (A Coruña) Javier Rey, que dá vida a Sito Miñanco na ficción, ten unha marcada presenza pontevedresa na rodaxe. O actor de Sanxenxo Celso Bugallo será o pai de Miñanco. Laureano Oubiña tendá acento da Ría de Arousa, co actor e humorista de Vilagarcía Carlos Branco mentres que a Manuel Charlín interpretarao Antonio Durán Morris e a Terito, Manuel Lourenzo.
Ricardo Portabales que, coas súas confesións, permitiu desenvolver a operación Nécora, estará interpretado por un actor de Vilagarcía, Nacho Castaño. O pontevedrés Xulio Abonjo tamén forma parte da repartición no papel de Moncho Charlín, un dos fillos de Manuel Charlín. E outro pontevedrés, Miro Magariños, natural de Cuntis e moi vinculado coa cidade do Lérez dando vida ao 'demo' da Festa do Demo, estará na serie no papel de Nino Balbín, personaxe que ficciona ao ex alcalde de Ribadumia Nené Barral.
A rodaxe da serie, que durará 26 semanas, ata finais de novembro, tamén chegará ata A Illa de Arousa ou Porto Meloxo, no Grove.
Relacionadas:
-
"Fariña" salta ao teatro e estará en cartel en Pontevedra durante dous días
Por Alejandro Espiño |
-
RADIO.- A playlist de... Xúlio Abonjo: De Paco Pixiñas a Moncho Charlín
Por Marisa Ciordia |
-
Nacho Carretero e Antonio Durán 'Morris' agardan un éxito rotundo da serie 'Fariña'
Por Redacción |
-
Os narcos de 'Fariña' pasean por Pontevedra
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
O instituto Valle Inclán, unha comisaría de cinema
Por Diego Espiño |
-
Os narcos de "Fariña" pechan rúas en Vilagarcía
Por Oskar Viéitez |
-
Os narcos do Salnés xa teñen cara para a rodaxe de 'Fariña'
Por Natalia Puga |
-
Todos queren ser narcos en 'Fariña'
Por Mónica Patxot |
-
Os narcos de "Fariña" xa están en Galicia e buscan extras en Pontevedra para saír na serie
Por Alejandro Espiño |
-
Os narcos do Salnés saltan a televisión con "Fariña", a nova serie de Antena 3
Por Alejandro Espiño |