Estudaches no Valle Inclán e fixeches o Erasmus? Queren localizarte
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido
O IES Valle Inclán de Pontevedra quere localizar a aqueles estudantes que cursaron os seus estudos neste instituto de Pontevedra e que posteriormente, na súa época universitaria, realizasen o Erasmus en calquera punto de Europa. A profesora do centro, Ana Santos, responsable do plan continental europeo YES! para estudantes de Educación Escolar, propúxose reunir o 19 de outubro ao máximo número de ex alumnos do centro que poidan contar as súas experiencias neste programa de formación en distintos países europeos.
Este xoves reuníase xunto á directora do Valle Inclán, Pilar Freitas, con cinco estudantes que completaron os seus estudos a través do Erasmus. Son os primeiros contactos dos máis de 70 mozos que Ana Santos calcula que puideron participar do proxecto europeo desde a súa implantación no ano 1987. A profesora indica que xa se puxeron en contacto con ex alumnos que se atopan residindo ou traballando en lugares como Noruega ou Rusia e que enviarán un vídeo explicando as súas vivencias.
Uxía Fonseca, Alejandro Jáuregui, África Rodríguez, Rut Cortizo e Elena Pérez destacaban este xoves que o seu paso polo Erasmus servíralles para abrir as súas mentes, mellorar o seu nivel de comprensión doutras linguas e para trasladar a Galicia iniciativas que se desenvolven noutros países.
Este ano un total de 33 estudantes e sete docentes do IES Valle Inclán en colaboración co Lycée Felix Faure de Beauvais, de Francia, levan a cabo un proxecto sobre benestar titulado Young Europeans in Sports (YES!), unha proposta que se engloba no programa K2 Erasmus Plus.
Aqueles ex estudantes do IES Valle Inclán, que teñan participado nalgún proxecto Erasmus e queiran contar as súas experiencias en Europa teñen que porse en contacto con Ana Santos a través do correo: valleinclandeporte@gmail.com
Relacionadas:
-
Felicitación europea para as profesoras do IES Valle Inclán implicadas no programa europeo 'eTwinning'
Por Redacción |
-
Erasmus para sempre
Por Mónica Patxot |
-
20 estudantes franceses participarán no encontro Erasmus no Valle Inclán
Por Redacción |
-
O IES Valle Inclán localiza a 204 ex alumnos que cursaron o Erasmus universitario
Por Redacción |
-
RADIO.- Mozos europeos, deportistas, desestresados e solidarios
Por Marisa Ciordia |
-
Estudantes pontevedreses e franceses colaboran nun proxecto sobre benestar
Por Redacción & Mónica Patxot |