De compras por cinco comercios... sen pagar en ningún
Por Natalia Puga
A Policía Local de Pontevedra identificou unha muller de 36 anos tras irse de compras por cinco tendas da cidade, pero sen pagar en ningunha delas.
Segundo fontes oficiais da Policía Local, identificaron nun mesmo día cinco persoas por tres furtos en establecementos comerciais de Pontevedra. Aconteceu o 23 de marzo e unha delas foi esta muller á que 'pillaron' cando intentaba irse de H&M e soou a alarma.
Unha patrulla policial foi alertada polos responsables da tenda e cando chegaron ao lugar identificaron a presunta ladroa. Non estaba documentada, pero finalmente logrou coñecerse a súa filiación. Nun cacheo superficial localizáronlle dentro dun bolso un pantalón vaqueiro de cor branca de Stradivarius, así como un xersei de reixa de Oysho ou unha blusa negra de Benetton escondida no abrigo.
En total, tiña enriba roupa de cinco establecementos do ámbito de Benito Corbal da que non puido acreditar que a tería comprado, de modo que foi identificada e a roupa foi reestablecer os encargados dos distintos comercios.
Esta identificación enmárcase no dispositivo especial de vixilancia da zona comercial no que colaboran as policías Local e Nacional. O mesmo día tamén foron identificados tres menores sorprendidos cando dous despistaban un empregado da tenda de electrodomésticos San Luis da praza de Galicia e un terceiro subtraía un iPad.
Dous deles foron cazados no momento do furto e do terceiro coñécese a súa identidade, pero logrou fuxir naquel momento. A Policía deu aviso aos seus pais e puxo os feitos en coñecemento da Fiscalía de Menores.
Ese mesmo día, identificaron unha muller que entrou no supermercado Mercadona da zona de San Mauro. Pasou pola liña de caixas para pagar tres artigos, pero tiña o bolso cheo e cando a Policía Local chegou ao lugar encontroulle 15 artigos valorados en 38,06 euros. Segundo os responsables do establecemento, non era a primeira ocasión na que supostamente esta muller roubaba comida neste local.