O Concello coordinará coa Xunta unha actuación urxente no carballo de Santa Margarida
Por Redacción
Técnicos da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, dependente da Deputación Provincial de Pontevedra, acudiron nos últimos días a Mourente para facer unha avaliación do estado do famoso carballo de Santa Margarida despois da recente rotura dunha póla de 200 quilos.
A conclusión é que se fai necesaria unha intervención e o Concello non deixou esperar a súa reacción e xa anunciou que coordinará coas consellerías de Medio Ambiente e Cultura da Xunta de Galicia e co Arcebispado de Santiago unha "actuación urxente".
O concelleiro de Medio Natural, Alberto Oubiña, púxose en contacto coas dúas consellerías e coa delegación de Patrimonio do Arcebispado de Santiago co fin de coordinar esta actuación urxente e tamén para definir unha estratexia de longo percorrido para conservar e manter no mellor estado posible o carballo de Santa Margarida.
Segundo sostén o Concello, o prioritario é que se autorice as intervencións urxentes definidas polos expertos do Areeiro na súa recente avaliación-diagnose sobre o estado da árbore. Este informe elaborouse a petición do Concello e acaba de ser entregado polos técnicos. Á súa vez, desde a administración local derivouse xa á Xunta.
Estas actuacións urxentes que reclaman os técnicos do Areeiro son suxeitar as ramas principais que máis carga presenten, principalmente a de grandes dimensións que dá cara á vía principal e que xa presenta unha fenda en toda a súa lonxitude; repetir o tratamento biolóxico que se dera no pasado; e darlle un tratamento novo cun produto a base de fungos que poden limitar o desenvolvemento de fungos patóxenos do solo.
Ata o momento non hai resposta oficial da Xunta á comunicación do Concello, pero Alberto Oubiña sinalou a boa disposición amosada ao requirimento feito e agarda unha resposta en breve.
O pasado mes de outubro o Concello de Pontevedra presentou un proxecto para a mellora do ámbito da capela e o carballo de Santa Margariga, pero está paralizado a falta de permisos da Xunta e do Arcebispado.
Relacionadas:
-
O carballo de Santa Margarida, candidato español a Árbore Europea do Ano
Por Alejandro Espiño |
-
Furan o asfalto para osixenar o carballo de Santa Margarida
Por Redacción |
-
Tratamento "inmediato" para o carballo de Santa Margarida
Por Diego Espiño |
-
Os comuneiros de Mourente propoñen crear un padroado en defensa do carballo de Santa Margarida
Por Natalia Puga |
-
Marea pide un plan urxente de protección do carballo de Santa Margarida ante o último "dramático berro de auxilio"
Por Redacción |
-
O carballo de Santa Margarida perde unha póla de 200 quilos
Por Oskar Viéitez |
-
Culpan á Igrexa do abandono do carballo de Santa Margarida
Por Oskar Viéitez |