Despedida tras conseguir a cita previa para o DNI na Comisaría de Marín
Por Redacción
O inspector xefe Juan José Díaz Jiménez, ata agora responsable da Comisaría da Policía Nacional de Marín, deixa o cargo e en breve asumirá novas responsabilidades en Vilagarcía de Arousa. Antes, este mércores quixo pasar polo Concello para despedirse da alcaldesa, María Ramallo.
Segundo informou o Concello de Marín, o cesamento de Juan José Diaz fíxose efectivo este mércores tras máis de seis anos e tomará posesión do novo cargo na Comisaría de Vilagarcía nun prazo dun mes.
A alcaldesa destacou que, nos máis de seis anos que estivo á fronte da Comisaría de Marín, sempre mantivo unha relación estreita e cordial co Concello.
Destacou que un dos seus logros máis destacados foi conseguir que entrase en funcionamento a cita previa para a renovación do DNI en Marín, terminando coas longas colas que sufrían os veciños e coa "mala imaxe" que daba a situación para quen aguantaba longas colas e finalmente non conseguían renovar a súa documentación.
María Ramallo tamén destacou que o xa ex responsable policial mantivo unha boa relación coas asociacións de Marín e participou en todos os actos institucionais da localidade. Agradécelle "o seu traballo, a súa lealdade e o seu compromiso" coa vila e deséxalle "moitos éxitos" en Vilagarcía.