Atracan unha muller en Rosalía de Castro, golpéana e tírana ao río dos Gafos
Por Alejandro Espiño
ÿ deses sucesos que parecen sacados dunha película, pero que ocorren diante dos nosos narices. Unha muller foi atracada esta madrugada na rúa Rosalía de Castro e non contento con iso, o seu asaltante acabou tirándoa ao río dos Gafos. Así o relatou á policía a propia vítima e unha veciña da zona, que foi testemuña desde a súa fiestra do suceso. Foi ela a que lle axudou a saír do río.
O atraco tivo lugar sobre as 01.25 horas deste venres. Segundo declararon as dúas mulleres, o asaltante, "un home de raza negra e con perilla", achegouse á vítima e sen que esta puidese evitalo rouboulle o bolso, agarrouna, golpeouna na boca e tirouna a un río que, debido ás últimas choivas, levaba máis caudal do habitual.
Unha veciña, alertada polos gritos da muller, achegouse á fiestra da súa casa e presenciou, arrepiada a escena. "Abrín a fiestra e escoitei aínda máis forte a voz dunha muller que desesperadamente chamaba á policía e pedía socorro", relatou a muller a PontevedraViva. Tras chamar ao 112, decidiu baixar a auxiliala. "Tiña algo de medo, pero sobre todo estaba moi nerviosa. Non sabía se atoparía algún perigo, pero no único no que pensaba era en axudala".
Cando chegou ata a muller, esta estaba "gritando, estaba fóra de si". Asegura que sangraba pola boca, movíanselle algúns dentes "e non paraba de chorar". Acompañouna, tratando de tranquilizala, ata que chegaron os axentes da Policía Nacional. Tras realizar unha batida pola zona, non conseguiron localizar ao presunto autor deste asalto.
Explica esta testemuña que mentres os axentes inspeccionaban o lugar dos feitos, a muller relatoulle unha historia vital "moi tráxica". Afirma que "contaba anacos aquí e alá, probablemente por medo a falar demasiado" e que non deixaba de chorar polo diñeiro que lle acababan de roubar porque "non paraba de repetir que tiña os cartos xustos para comer aquela noite, incluso cando lle preguntaban os axentes o único que dicía era que esa noite non ía comer".
Pero máis aló do suceso, esta testemuña criticou o "pasotismo" de moitas outras persoas. "Baixei eu a socorrela e máis tarde veu outro señor, o resto pasaron". Asegura que mentres se cometía o atraco "unha rapaza paseaba o can pola rúa e apurou ou paso e moitos outros veciños contemplaban todo desde as súas ventás, a muller non paraba de berrar pero nin un deles abandonou o seu asento de primeira fila, coma nun teatro".
Ao lugar do suceso trasladouse tamén unha ambulancia medicalizada do 061 para atender á vítima, pero esta negouse a ser atendida das súas feridas. Segundo fontes policiais, tampouco presentou denuncia por estes feitos. Unha hora máis tarde, sobre as 02.38 horas, unha patrulla da Policía Nacional volveu atoparse coa muller que lles dixo que atopara o bolso e ratificou que non quería denunciar o atraco.