Un xantar popular en Poio, novidade nos actos do Día de Galiza Mártir
Por Diego Espiño
O Parque da Memoria en Poio será escenario o vindeiro xoves 17 de agosto dun xantar popular dentro dos actos do Día de Galiza Mártir, no que tradicionalmente se homenaxea a figura de Alexandre Bóveda en representación de todos os represaliados durante o franquismo.
Será a primeira vez que o xantar oficial do día se abra ao público nunha nova localización que a Fundación Alexandre Bóveda pretende que sexa perpetua a partir de agora.
Para tomar parte na mesma, con prezo de 20 euros o prato, será necesario inscribirse previamente a través da web www.alexandreboveda.gal.
A elección do Parque da Memoria Adolfo Pérez Esquivel para desenvolver a comida e a entrega do XII Premio Galiza Mártir débese a que "reflicte o traballo sobre os dereitos humanos, a paz e a concordia" que quere transmitir a Fundación Alexandre Bóveda, sinalou Valentín García Bóveda.
O premio nesta ocasión recaerá en Xosé Estévez Rodríguez (Quiroga, 1943), historiador e investigador de longa traxectoria e profesor honorario da Universidade de Deusto ademais de activista en favor da democracia e a soberania galega autor de diversos estudos sobre a figura de Castelao e o nacionalismo galego.
Polo demais A Caeira acollerá o día 17, ao mediodía, o acto institucional ante o monumento a Alexandre Bóveda, despois celebrarase o xantar e xa pola tarde no cemiterio de San Amaro terá lugar unha misa (18:30 horas) e un acto cívico (19:30 horas) no que ademais Xosé Estévez recibirá tamén o Premio Manuel Murguía que outorga o Instuto Galego de Historia.
Durante o acto institucional tomará a palabra, como é costume, o representante dunha asociación que loita pola memoria histórica. Será neste caso Fernando Souto, presidente da comisión pola recuperación da memoria hitórica da Coruña debido á actual polémica relacionada coa petición de ilegilizar a Fundación Francisco Franco e a volta a dominio público do Pazo de Meirás.
A xornada será festiva no Concello de Poio, que elixiu de novo o 17 de agosto como día non laborable na súa aposta por institucionalizar o Día de Galiza Martír.
Ademais de toda esta programación celebraranse actos políticos como o convocado polo Bloque Nacionalista Galego ás 20:30 horas na Praza de Curros Enríquez, en Pontevedra.
PROPOSICIÓN DE EN MAREA NO CONGRESO
Paralelamente a todos estes actos, o grupo de En Marea no Congreso dos Deputados anunciou a presentación de senllas proposiocións de lei, para a Comisión e para o Pleno, e unha pregunta por escrito para demandar ao Goberno que anule o consello de guerra sumarísimo e a condena á morte a Alexandre Bóveda, figura clave no desenvolvemento do Estatuto de Autonomía e executado o 17 de agosto do ano 1936.
No texto presentado, o deputado Miguel Anxo Fernán Vello pide que se declare a ilexitimidade das condeas e as sancións ditadas no seu momento por motivos políticos, ideolóxicos ou de crenza durante a ditadura. Ademais En Marea propón que se realicen actos de recoñecemento público para conmemorar e homenaxear a todas as vítimas da ditadura franquista.
Relacionadas:
-
RADIO.- Valentín García Bóveda: "Debería ser o Día dos Mártires Galegos e conmemorar todo aquelo que construíron"
Por Marisa Ciordia |
-
O uso do Pazo de Meirás como símbolo franquista acapara os discursos de homenaxe a Bóveda
Por Cristina Saiz & Diego Torrado & Anxo Lourido |
-
O Día de Galiza Mártir celébrase, por primeira vez, con divisións nacionalistas
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |