O servizo de axuda no fogar de Marín refórzase cun incremento do 5% nas horas de atención
Por Redacción
A partir do vindeiro 1 de setembro, o Concello de Marín terá á súa disposición 1.992 horas máis ao ano no Servizo de Axuda no Fogar (SAF) Dependencia, o que supón un aumento superior ao 5% con respecto á situación actual.
A directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia, Fabiola García Martínez, deu a coñecer o dato este luns durante unha visita á residencia pública de maiores de Marín, con capacidade para 78 persoas. Segundo indicou, a Xunta de Galicia continuará reforzando os servizos de atención aos maiores, en especial a aqueles que teñen limitada a súa autonomía, co obxectivo de conseguir un maior benestar para este colectivo.
Fabiola García indicou que Marín pasará a dispoñer dun total de 37.716 horas anuais de SAF. Esta suba responde ao reforzamento do servizo que está a impulsar a Consellería de Política Social, cun novo incremento de 1,2 millóns de horas dispoñibles para os concellos.
A directora xeral salientou que "a atención aos nosos maiores é un dos obxectivos prioritarios da Xunta", de aí o impulso que se está dando ás políticas sociais ás que se destinan máis orzamentos que nunca antes na historia de Galicia.
Segundo apuntou, o seu obxectivo é "que os nosos maiores vivan máis e mellor" e por iso apostan por seguir completando o sistema de dependencia, en especial os servizos profesionais de proximidade e de atención no contorno familiar por ser estes os máis demandados.