Editan un boletín informativo co balance dos dous anos do novo goberno local de Ponte Caldelas
Por Redacción
O goberno local de Pontevedra formado por PSdeG-PSOE, AVP e BNG decidiu facer balance dos dous anos de mandato editando un boletín informativo de 16 páxinas no que dá conta dos fíos condutores da transformación realizada no municipio, tanto na xestión municipal, como no diálogo coa veciñanza, na dinamización do Concello e na súa proxección.
O Concello mantén que Ponte Caldelas "ten mellorado" moito nos dous últimos anos "tras 40 anos de gobernos da dereita", unha etapa marcada pola unidade de acción e a responsabilidade na toma de decisións, poñendo sempre por diante os intereses da veciñanza.
"Non hai nada que celebrar porque queda moito traballo por diante, pero si hai moito do que informar, como corresponde a un goberno progresista e que aspira a ser un modelo de transparencia e de relación directa coa xente", sinalou o alcalde, Andrés Díaz, na presentación do boletín informativo, que leva o título 'Traballando coas portas abertas e as contas saneadas'.
O boletín recolle unha política económica que logrou reducir a débeda herdada dun millón de euros a pouco máis de 500.000 euros e baixadas nos recibos da auga, de circulación de vehículos e nas taxas por uso de instalacións deportivas e por visitas guiadas á área arqueolóxica de Tourón. Tamén falan de logros como unha lixeira recuperación de poboación ou as políticas de emprego derivadas dos acordos coas empresas do polígono da Reigosa.
En relación coa dinamización social e cultural do municipio, destacan o Entroido do Verán, o campus de fútbol Alcántara, as degustacións da festa da troita por todas as parroquias, a Festa Gastronómica da Emigración, a Subida a Ponte Caldelas do Campionato Galego de Rally de Montaña ou os concursos de tapas.
Un apartado específico detense na loita veciñal para acadar as obras da estrada autonómica PO-234, que xa contan cun compromiso oficial da Xunta de Galicia para realizalas de xeito inminente. O Concello lembra o traballo conxunto coa plataforma veciñal de Ponte Caldelas e Cotobade e as dúas manifestacións populares e tamén a sinatura dun convenio pioneiro en toda España polo que o Concello pagará as expropiacións que realice a Xunta.
O aluguer simbólico á rexistradora da propiedade das antigas oficinas de Turismo, o expediente urbanístico aberto ás empresas do tanatorio para que arranxaran o edificio ou o convenio coa Consellería de Educación para dotar de comedor ao colexio da Reigosa son algúns dos logros que recolle o boletín.
Outros asuntos abordados son a petición de apertura da Casa da Quintán, completamente restaurada cun gasto público de 500.000 euros, como centro social; a reivindicación de axudas para o mantemento e promoción da área arqueolóxica de Tourón; a esixencia do desbloqueo urbanístico á Central de Transportes da Reigosa; ou a denuncia pública pola 'zona de sombra' no mapa de emerxencias de Galicia.
O asfaltado integral no paseo da Calzada, dotándoo de carril bici, e todas as obras nas parroquias, todas elas pactadas e faladas coa veciñanza en asembleas abertas, "sen intermediarios e sen conseguidores" tamén son fitos destacados no boletín informativo.