Corte de tráfico en cinco rúas durante a tarde do venres con motivo da Batalla de Flores
Por Redacción
Este venres 18 a partir das 19.00 horas desenvolverase a Batalla de Flores, un evento tradicional dentro da semana grande das festas de verán. As carrozas realizarán un percorrido polas rúas Xosé Malvar, Doutor Loureiro Crespo, Benito Corbal, Cobián Roffignac e Padre Antonio.
Xa se iniciou a colocación dos valos que alertan da prohibición de estacionar e do corte de tráfico durante esa xornada. A Policía Local ten previsto que o venres a partir das 08.00 horas se prohiba o estacionamento nas rúas Xosé Malvar, no tramo entre a Rotonda de Valdecorvos e Loureiro Crespo. A partir das 14.00 horas prohibirase o aparcadoiro en Loureiro Crespo e en Benito Corbal. E xa a partir das 14.30 horas, tampouco estará permitido estacionar en Cobián Roffignac e Padre Amoedo.
Os cortes de tráfico comezarán ás 17.00 horas. Cortarase o tramo de Xosé Malvar onde se instalarán as carrozas que participan na Batalla de Flores. A partir das 18.30 horas levará a cabo o corte total de tráfico nas rúas do percorrido e nas adxacentes a Loureiro Crespo, Benito Corbal e Cobián Roffignac.
A Policía Local de Pontevedra recomenda como alternativas que os vehículos procedentes da avenida de Lugo cara ao centro da cidade circulen por Juan Carlos I, San Mauro ou Ernesto Caballero en dirección a Valdecorvos. O tráfico procedente da Ponte dos Tirantes cara a Xosé Malvar será desviado cara a Valdecorvos. Os vehículos que procedan de Eduardo Pondal cara ao 12 de Novembro serán desviados por Joaquín Costa. Aconséllase a utilización da AP-9 como alternativa ao tráfico de entrada e saída da cidade.
A apertura á circulación rodada levará a cabo cando finalicen os labores de limpeza das rúas polas que transcorreu a cabalgata.