Bueu pedirá á Deputación os fondos para a piscina municipal que non logra da Xunta
Por Redacción
O Concello de Bueu presentará o proxecto de construción da piscina municipal á nova liña de axudas que acaba de anunciar a Deputación Provincial para obras singulares en municipios de menos de 20.000 habitantes de Pontevedra.
O alcalde, Félix Juncal, non quixo perder o tempo e tan só cinco días despois de que a Deputación dera a coñecer a nova liña de axudas xa anunciou que Bueu vai presentar este proxecto, no que levan traballando varios meses e para o que xa pediron financiamento á Xunta de Galicia sen éxito.
Un dos requisitos destas axudas da Deputación é que o proxecto estea xa rematado cando se pida a axuda. No caso de Bueu cúmprese, pois levan meses traballando en todo o que ten que ver cos trámites administrativos para a contratación do estudo de viabilidade e agardan telo a comezos de setembro.
O Concello confía en obter o apoio provincial cunha contía económica importante que permita a viabilidade financeira desta infraestrutura tan necesaria para Bueu dende o punto de vista deportivo e da saúde e benestar.
En caso de que se confirme a concesión da subvención, faranse os trámites necesarios que permitan a contratación das obras o máis rápido posible e que farán posible a consecución do compromiso máis ambicioso dos nacionalistas no seu programa electoral.
Félix Juncal asegura que, de todas maneiras, non renunciará a seguir insistindo en pedir axuda da Xunta de Galicia. Nas próximas semanas remitirán unha nova solicitude de reunión co presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo. O grupo municipal do BNG xa aprobou en pleno unha proposta para instar ao ente autonómico a que apoiase esta infraestrutura valorada en case 3 millóns de euros.
Relacionadas:
-
A piscina de Bueu, en marcha: Deputación e Concello asinan un convenio "histórico"
Por Redacción |
-
A piscina de Bueu será financiada entre o Concello e a Deputación
Por Redacción |
-
Bueu aproba en xunta de goberno o proxecto de piscina municipal
Por Redacción |
-
O PP tilda de "improvisado" e "insuficiente" o plan da Deputación de grandes obras para concellos pequenos
Por Natalia Puga |
-
A Deputación pon en marcha un plan de 18 millóns de euros para grandes obras en concellos pequenos
Por Natalia Puga |
-
Bueu reclama os cartos comprometidos pola Xunta para a construción dunha piscina
Por Oskar Viéitez |
-
Bueu promove un estudo de viabilidade para a futura piscina municipal
Por Redacción |
-
Bueu busca o apoio da Deputación para ter piscina municipal
Por Redacción |