A observar morcegos no río Gafos
Por Redacción
A asociación Vaipolorío convoca unha xornada de captura, estudo e explicación das características dos morcegos en colaboración coa Asociación Drosera, un colectivo especialista no estudo destes mamíferos.
Con esta proposta prevista para o atardecer do sábado no río Gafos tentarase que os participantes poidan escoitar os sons dos morcegos a través de aparellos de ultrasons, ademais de experimentar a sensación de telos na man e tomar datos biolóxicos.
Esta xornada celébrase con motivo da celebración da noite europea dos morcegos (a European Bat Night) e búscase desmitificar falsas lendas que se atribúen a estes mamíferos aos que habitualmente se relaciona co vampirismo.
A actividade está organizada pola concellería de Xuventude de Pontevedra e o número de prazas é de 25 persoas.