O Demo xa está aquí... na procura de seguidores
Por Cristina Saiz
Como cada 23 de agosto, os personaxes do averno volveron a xurdir dos Arcos de San Bartolomé con O Demo á cabeza. Alí armados cos seus tridentes e cos seus petardos tentan asustar aos máis pequenos cumprindo coa tradición.
A comitiva realizaba un percorrido polo centro histórico, acompañada de música. Moitos dos menores que se achegaron a esta cita foron disfrazados de pequenos diaños e agarrando o rabo do ser demoníaco pasearon pola cidade.
O Demo volverá aparecer a partir das 20.00 horas cun novo paseo pola zona monumental animando a todos os viandantes.
Ás 21.00 horas, a praza José Martí acollerá o concerto de San Bartolomeu a cargo da Banda de Música de Salcedo. E ás 21.30 horas, a festa trasládase á praza de Curros Enríquez coa Foliada do Demo, a verbena que corre a cargo dos Chichisos e da charanga Amigos a Cores.