Lores: "ÿ coñecida a relación que houbo do PP con todo o sector do contrabando de tabaco que despois se dedicou a outras cousas"
Por Redacción
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, fixo referencia ás fotografías publicadas polo diario El País esta fin de semana nas que aparece Alberto Núñez Feijóo nun iate e nun vehículo acompañando ao narcotraficante Marcial Dorado durante unhas vacacións no ano 1995 cando Feijóo era número 2 da Consellería de Sanidade.
Lores indicou que este tipo de conexións non o collen por sorpresa: "Para min non é ningunha novidade porque é coñecida historicamente a relación que houbo do Partido Popular con todo o sector inicialmente do contrabando de tabaco e me saen nomes como Ligero, Nené e cousas polo estilo que estaban relacionados e algúns tiñan carné do Partido Popular... A excusa era que só se dedicaban ao contrabando de tabaco e logo foron dedicándose a outras cousas".
De esta forma, Lores facía mención así a José Ramón Barral, Nené, ex alcalde popular de Ribadumia que foi detido en 2001 nunha operación contra o contrabando de tabaco e evasión fiscal, e tamén a Manuel Díaz, apodado El Ligero, líder de Alianza Popular en A Guardia.
Ante esta relación o alcalde pontevedrés afirma que "merece unha explicación ben explicada, se é posible, polo presidente". E engadiu "arredor do contrabando e do tráfico de drogas hai moita miseria neste país e que un personaxe público apareza relacionado directamente merece moitas explicacións e decisións contundentes".
E neste sentido remitiouse a que "hai estamentos políticos e parlamentos onde se teñen que esixir responsabilidades. O BNG como forza política pedirá a dimisión e presentará unha solicitude de explicación no Parlamento".