O Liceo Casino recoñece medio século de fidelidade de catro socios
Por Redacción
O Liceo Casino de Pontevedra recoñeceu aos seus "Socios de Honra" cun xantar-homenaxe celebrado no Parque de Verán da Caeira. Trátase daqueles asociados que contan cunha antigüidade ininterrompida de 50 anos como socios de número.
Este ano, foron un total de catro os recoñecidos como "Socios de Honra": Antonio Luís Biempica González, Eladio López Lamelas, José Antonio Pazos Otero e Fernando Ponte Salom, que deste xeito se incorporan a unha categoría que ostentan actualmente un total de 133 socios.
Os socios chegaron ao Parque de Verán acompañados polos seus convidados. Todos eles foron recibidos pola directiva que preside Jaime Olmedo. Tras realizar a tradicional "foto de familia", os 125 comensais asistentes foron ocupando as súas mesas para degustar un menú especialmente deseñado para o evento por Servicios Galicia.
O entrante contaba cunha ampla variedade de aperitivos a base de bocados de empanada galega, surtido de canapés casino, espetadas de queixos nacionais ás finas herbas, triscante de gamba con salsa de cóctel e croquetiñas de ibérico. O prato principal consistía nun delicioso cotobelo braseado no seu mollo con cachelos confeitados. Como sobremesa, un mini brazo crocrante.
Finalizado o xantar, deu comezo unha cerimonia cargada de agarimo e bos recordos. Os novos socios de honra recibiron, de mans da directiva do Liceo Casino, a insignia de ouro que recoñece os seus cincuenta anos de fidelidade, ademais dun diploma acreditativo.
O presidente do Liceo Casino, Jaime Olmedo, dedicou unhas palabras os homenaxeados sinalando a aportación dos "Socios de Honra" na construción dunha sociedade da que os seus membros se senten moi orgullosos. Nun ton máis distendido, recordou que, con este acto, "realizamos un homenaje a cuatro socios que hoy se ponen de largo".
En nome dos homenaxeados, tomou a palabra Fernando Ponte Salom, quen agradeceu á directiva a distinción, xa que o Casino é o sitio onde festexaron os mellores momentos das súas vidas. Rematou a súa alocución dirixíndose ao presidente cunha nota de humor: "dile al secretario que nos apunte para otros 50 años".
Relacionadas:
-
Cincuenta anos de fidelidade ao Liceo Casino
Por Redacción & Paula Sanmartín |
-
Os socios opóñense ás obras propostas pola directiva do Casino na sede e A Caeira
Por Redacción |
-
Polémica entre os socios do Liceo Casino por unha operación de crédito
Por Oskar Viéitez |
-
A única Batalla, que sexa de Flores
Por Cristina Saiz |
-
Cheo no baile de gala do Liceo Casino, con máis de 4.000 asistentes e 27 "debutantes"
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Mariano Rajoy, estrela do baile de gala do Liceo Casino seis anos despois
Por Ramiro Espiño & Cristina Saiz |
-
Dez novos socios de honra do Liceo Casino e 140 persoas con máis de medio século de fidelidade
Por Ramiro Espiño & Cristina Saiz |