A Policía Local retira 1.262 pezas de roupa falsificadas á venda nas Festas da Peregrina
Por Redacción
Os operativos de seguridade e vixilancia dos espazos públicos que levou a cabo a Policía Local de Pontevedra durante as Festas da Peregrina finalizaron con catro atestados por un presunto delito contra a propiedade industrial e cun total de cinco imputados.
Estas intervencións desenvolvéronse durante os días 17 e 22 de agosto co resultado de 1.262 pezas de roupa que foron incautadas polos axentes, segundo informaba o portavoz da Policía Local, Manuel Omil.
Durante as Festas da Peregrina intensificáronse os controis preventivos para impedir a venda ambulante polas rúas da cidade e para comprobar que se realizaba correctamente nos espazos autorizados para a venda no Paseo das Palmeiras.
A Xefatura da Policía recibiu información sobre a posibilidade de que, presuntamente, estaban a venderse produtos falsos que atentaban contra a propiedade industrial dos titulares das marcas. A maioría deste material consistía en roupa falsificaba que levaba distintivos de marca idénticos aos auténticos e eran vendidos a prezos reducidos. A Policía Local desenvolveu ata catro operativos de control.
Das 1.262 pezas destacan as 638 camisetas, a maioría pertencente aos principais equipos de fútbol, Barcelona, Real Madrid, Manchester, Celta de Vigo ou Deportivo; ademais dalgunha da NBA. Tamén se recolleron, entre outras pezas, 338 sudadeiras, 135 zapatillas de deportes e 40 pantalóns de chándal. O valor dos produtos incautados ascende a 20.000 euros.
Toda a roupa foi trasladada polos axentes ao xulgado encargado da instrución do caso.