Confusión dos participantes para achegarse á inauguración da XXX Semana Galega de Filosofía
Por Redacción
Ao redor de 350 persoas matriculáronse para participar na trixésima edición da Semana Galega de Filosofía. Non obstante non todos acudiron á inauguración. Así o afirmaba Ana Regueira, representante da Aula Castelao de Filosofía encargada da organización do evento, e é que o cambio de sede provocou confusión nos asistentes. Afeitos a acudir ao Centro Social de Novagalicia Banco na praza de San Xosé, numerosos participantes achegáronse ata alí ás dez da mañá en lugar de ir cara ao Teatro Principal onde se celebran as conferencias este ano.
Segundo afirmaba Ana Regueira "este trinta aniversario é un ano importante para nós como organizadores. Moita da xente da Aula é nova e xa non queda ningún dos históricos. Queremos asumir ese labor de herdanza e recoller ese principios cos que se fundou a Aula". O acto de inauguración abriuse coas palabras do presidente da Aula Castelao, Carlos Calviño, quen explicou os motivos polos que esta semana se dedica á memoria.
Desta forma indicou a necesidade de facer un recordo ás loitas obreiras nun momento como o actual de crise e de perda de dereitos. Continuou o seu discurso facendo referencia á pobreza no medio dunha sociedade capitalista que potenciaba os "seres preocupados só de temas privados e non da res pública". Tamén quixo destacar a importancia da lingua galega "fermosa, cálida, viva... aínda que a algúns lles interese silenciala".
Pola súa banda, na intervención de apertura por parte do Alcalde, Miguel Fernández Lores lanzou un ataque a Novagalicia Banco porque "expulsa á cultura dos seus espazos e mercantiliza os lugares que ata onte mesmo eran escenarios de todos. Chegará un intre en que non lembremos que en Galiza houbo un día institucións financieiras públicas que revertían unha parte dos seus excedentes na cultura e o benestar de todos e todas ".
Durante a xornada desta tarde, Lourenzo Fernández de la Universidade de Santiago falará sobre os "Pasados incómodos de vítimas e verdugos" e o cofundador e primeiro presidente da Aula Castelao, Ramón Regueira, pechará a partir das oito a sesión con "O porque e para que da Aula Castelao e a razón de ser da Filosofía en Ensinanzas Medias".
Mañá, os participantes serán o profesor Miren Etxezarreta, o arquitecto Manuel Gallego Jorreto e o escritor Manuel Rivas.
Relacionadas:
-
O arquitecto Gallego Jorreto: "Cando veño agora a Pontevedra atópome máis a gusto que antes"
Por Anxo Lourido |
-
"Filosofía e memoria", cinco días de intenso debate no marco da XXX Semana Galega de Filosofía
Por Alejandro Espiño |
-
A Semana Galega de Filosofía será no Principal porque Novagalicia Banco quería cobrarlles 7.000 euros polo auditorio
Por Redacción |