Estudantes universitarios de México completarán a súa formación gastronómica en Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Cociñeiros da talla de Ferrán Adriá, Martín Berasategui, Pedro Subijana ou os irmáns Roca recibiron nos seus restaurantes a alumnos en prácticas que cursaron os seus estudos na Universidad del Claustro de Sor Juana, un dos principais centros privados de Cidade de México. A partir de agora tomará o relevo un cociñeiro pontevedrés: Iñaki Bretal.
O chef galego, propietario do restaurante O Eirado da Leña, asinou un convenio con esta universidade mediante o cal estudantes da licenciatura de Artes Gastronómicas completarán a súa formación en Pontevedra, tendo a oportunidade de intercambiar coñecementos e experiencias entre a cociña galega e a mexicana.
Iñaki Bretal afirmou que este convenio permitirá abrir un vínculo entre México e Pontevedra desde o punto de vista gastronómico, xa que xunto co que lles ensinarán aos estudantes da cociña galega "nós tamén aprenderemos moito" da mexicana.
Aínda que defendeu o valor dos produtos galegos, o cociñeiro pontevedrés explicou que México "é un país moi grande" e conta con numerosos produtos "aos que nunca pecho os ollos", que poden chegar a "enriquecer moito" nosa gastronomía.
A alma de O Eirado da Leña entende que estes alumnos mexicanos "poderán aprender moito", xa que lembrou que a galega é unha cociña "moi pouco condimentada e baseada en produtos de calidade" que poderá achegar novos coñecementos aos estudantes, mozos que "se todo vai ben" poderían mesmo formarse en varios dos restaurantes do Grupo Nove.
A vicerreitora desta universidade mexicana, Guillermina Torres, asegurou que esta experiencia "dános moito gusto porque en España trátase ben aos estudantes, a diferenza das cociñas doutros lugares", xa que destacou que "hai máis calidez co persoal e realmente hai unha aprendizaxe para os nosos alumnos".
Ademais, a Universidad del Claustro de Sor Juana ofrecerá a posibilidade de que alumnos españois poidan vir formarse a México e coñezan de preto unha cociña que "ten moitas achegas, moitos produtos e moita variedade", sinalou a vicerreitora. Esta oferta será presentada ao Carlos Oroza, o centro de formación gastronómica de Pontevedra.
Esta vinculación, segundo Guillermina Torres, podería ser "enriquecida" nun futuro a outras titulacións do campus pontevedrés, xa que nesta universidade mexicana existen licenciaturas "moi afíns" ás de Pontevedra, ao haber estudos relacionados coa arte, as letras, a comunicación ou o tratamento dos dereitos humanos.
Por parte do Concello, que colaborará na chegada destes estudantes mexicanos facilitándolles a estancia, o alcalde celebrou este primeiro convenio asinado co Claustro de Sor Juana. Miguel Anxo Fernández Lores asegurou que este intercambio "será positivo para ambas as partes" e xa se mostrou disposto a acoller máis alumnos.
IÑAKI BRETAL ESTUDA ABRIR RESTAURANTE EN MÉXICO
Xunto con este convenio e a masterclass que impartirá na universidade, outro dos principais motivos polos que Iñaki Bretal decidiu integrar a misión comercial a México é que, segundo desvelou, estuda abrir un restaurante na Cidade de México. "Estamos agora con negociacións a ver se chegamos a un acordo", explicou.
Sería un establecemento de fusión "galaico mexicana", que ofrecería sabores de ambos os lados do Atlántico "enriquecendo a cociña das dúas partes". A idea é que os alumnos que fagan as súas prácticas en Pontevedra poidan chegar a traballar posteriormente neste restaurante para o cal Iñaki Bretal xa está a sondar o mercado inmobiliario.
Relacionadas:
-
Remata a xira mexicana do Concello coa participación do alcalde nun seminario universitario
Por Redacción |
-
Matriuska rodará en México "¿Qué hicimos mal?", a súa primeira coprodución internacional
Por Alejandro Espiño |
-
Croquetas 'made in Pontevedra', protagonistas dun cóctel no centro cultural de España en México
Por Alejandro Espiño |
-
"Menos coches e máis cidade" proclama o alcalde de Pontevedra en Cidade de México
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra asinará un convenio estable con Cidade de México para potenciar a súa relación comercial
Por Alejandro Espiño |
-
As empresas de Pontevedra pechan os primeiros acordos na feira Expopymes de México
Por Alejandro Espiño |
-
México e Pontevedra estreitan lazos comerciais na feira Expopymes
Por Alejandro Espiño |
-
Máis de 40 xuntanzas de traballo integran a intensa axenda de Pontevedra en México
Por Alejandro Espiño |
-
México, na busca de empresas galegas que queiran investir no país
Por Alejandro Espiño |