En Pontevedra os hoteis ocupáronse na Semana Santa nun 40% mentres en Poio quedaron no 33%
Por Redacción
A Semana Santa non foi nada positiva para o sector hoteleiro dos municipios de Pontevedra e Poio. O colectivo sitúa a ocupación dos establecementos da cidade pontevedresa en entre un 40 e un 45% mentres que en Poio "se cumpliron as malas expectativas e a ocupación non superou o 33% . Varios establecementos da zona permaneceron pechados e outros sufriron numerosas cancelacións por culpa da chuvia".
Esta baixa afluencia de clientes contrasta coas cifras de visitantes que se interesaron por facer turismo nas oficinas de información ao visitante de ambos os dous municipios durante os últimos días.
Segundo a información facilitada polo Concello de Pontevedra, o servizo de información turística municipal atendeu durante a Semana Santa a un total de 2.063 visitantes, o que supuxo unha suba dun 60,5% con respecto ás cifras do ano pasado.
Entre os visitantes, 1.653 eran de procedencia nacional, mentres que 410 resultaron ser estranxeiros. Especialmente relevante é o crecemento destes últimos, pois mentres a suba no turismo nacional foi dun 46,9%, no estranxeiro chegou ao 156,2%.
A concelleira de Turismo, Carlota Román, destacou que, sendo importante a Semana Santa, a estratexia da Concellería de Turismo, conxuntamente coa de Deportes, pasa pola desestacionalización, atraendo xente á cidade ao longo de todo ano utilizando os eventos feirais, congresuais e deportivos.
Os grupo máis numeroso dos turistas estranxeiros foi o dos procedentes de Portugal, cun 37%, seguidos dos alemáns, cun 12% e os franceses, cun 10%.
O 23% dos turistas que visitaron a oficina de turismo de Pontevedra estaban aloxados na cidade de Pontevedra, nun segundo lugar co 18,6% dos turistas dixeron pernoctar no Morrazo-Val Miño-Condado, un 18,6% en Santiago e o 13,8% en Sanxenxo.
No caso de Poio, a Concellaría de Turismo indica que os establecementos que acadaron unha mellor ocupación foron as casas rurais. Ainda así, a ocupación baixou máis de 20 puntos con respecto ó 2012, e ainda máis lonxe quedan os anos en que se rondada un 70 % de ocupación durante a Semana Santa.
Respecto ós visitantes rexistrados nas oficinas de turismo municipais acadouse a cifra de 250 persoas, cifra inferior nun 50% a acadada nas mesmas datas do pasado ano. En canto á procedencia dos visitantes un 98% corresponden a visitantes nacionais e un 2% a visitantes internacionais.