O BNG preguntará á Xunta polo soterramento da liña de alta tensión de Monte Porreiro
Por Oskar Viéitez
O grupo parlamentario do Bloque Nacionalista Galego (BNG) interesarase na Cámara galega polas xestións realizadas pola Xunta desde marzo de 2017 para soterrar a liña de alta tensión que atravesa o barrio de Monte Porreiro.
Os nacionalistas queren saber se mantivo reunións o goberno galego coa empresa Unión Fenosa para impulsar a citada obra e se ten coñecemento a Xunta da existencia dun proxecto ou anteproxecto de soterramento da liña de alta tensión de Monte Porreiro e da súa tramitación para ser incluido no plan de investimentos da empresa para o período 2018-2020.
Ademáis os parlamentarios nacionalistas preguntarán se considera o goberno galego que estamos ante un "proxecto prioritario, diante dunha vella demanda á que se lle ten que dar resposta no prazo máis breve posible e ante un compromiso incumprido".
Finalmente preguntarán polas xestións que prevé realizar a Xunta para se cumpra a previsión de executar estas obras no ano 2018.
O pasado mes de marzo de 2017, a empresa Unión Fenosa informou da súa intención de acometer no ano 2018 o soterramento da liña de alta tensión ao seu paso polo barrio pontevedrés de Monte Porreiro.
Segundo comunicaron daquela representantes da empresa ao Concello de Pontevedra, o proxecto contemplaba o soterramento da liña ao longo de aproximadamente 1,8 quilómetros, desde a subestación de Mourente ata o río Lérez. O orzamento estimado da obra segundo a empresa é de 1,3 millóns de euros.
O Concello de Pontevedra xa levou a cabo unha primeira fase do proxecto de soterramento, aprobando e executando no ano 2009 unhas obras que supuxeron un investimento de perto de 500.000 euros.
Malia o anuncio realizado pola empresa Unión Fenosa hai xa cinco meses, o Concello de Pontevedra non recibiu desde aquela ningunha información nova sobre o ámbito e características técnicas do proxecto, trazado e investimento previsto.