Piden substituír o uso de animais na Feira Franca por "ética"
Por Oskar Viéitez
Acróbatas, malabaristas, actrices e actores caracterizados... son moitas as alternativas que a asociación animalista Libera e a Fundación Franz Weber puxeron sobre a mesa para suprimir por "ética" o uso de animais no marco da Feira Franca, que este ano está dedicada ás bestas da Idade Media, tanto reais como fantásticas ou mitológicas.
Os colectivos puxeron como exemplo a feira medieval de Ferrol, libre de animais desde 2015, ou o proceso de redución que o Concello da Coruña afrontou coa Feira das Marabillas, que ten lugar durante unha semana na cidade vella coruñesa.
"Os programas non se resenten en absoluto optando por outro tipo de actividades, que non implican sufrimento ou explotación de seres vivos como parte da ambientación", din estes colectivos nun comunicado.
Así, Libera e FFW sinalan que a Feira Franca tamén é a "escusa do consistorio pontevedrés para seguir mantendo o convenio de aluguer coa praza de touros" e por iso os animalistas propoñen multiplicar o número de actividades nos barrios, con especialistas en armas medievais e novo circo, sen ter que empregar équidos e outras especies.
Os defensores dos animais esperan que o goberno local empece a "tomar nota, xa que cada vez son máis os municipios que apostan por festas sen malos tratos animais, xerando un impacto positivo entre veciños e visitantes".