Rueda garante que se Elnosa se adapta á normativa europea contará cos permisos da Xunta
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido
O vicepresidente da Xunta de Galicia garantiu este mércores que a electroquímica Elnosa contará con todas as autorizacións pertinentes que dependan da administración galega sempre que se adapte ás esixencias da normativa europea. "Se cumpre coa legalidade, terán autorización. Se non, non", indicou Alfonso Rueda.
Para que se cumpra esta condición, a empresa terá que elaborar o cloro sen a utilización do mercurio e, por tanto, substituír a tecnoloxía que utiliza nestes momentos. "Pontevedra non está para perder postos de traballo" e afirmou que, sempre que se cumpra coa legalidade, as administracións deben de facer o posible para que se manteña o emprego na comarca.
Neste sentido realizou críticas ao goberno local de Pontevedra de Miguel Anxo Fernández Lores que presentará alegacións á concesión da autorización ambiental integrada para a empresa química. Sinalaba que, mentres o alcalde está de promoción en México con moito márketing que "xa veremos se ten resultado. Ogallá que si", as pequenas e medianas empresas da comarca atopan obstáculos para poder desenvolver a súa actividade e "despois se teñen que ir", apuntou o vicepresidente. "Iso non o entende ninguén", apuntou.
VISITA A HARINAS REYES
Alfonso Rueda realizaba estas declaracións durante a súa visita, este mércores, ao polígono do Campiño para percorrer as instalacións da fábrica de Harinas Reyes, unha empresa que conta con máis de 75 anos de historia e 20 desde que se instalou no polígono industrial.
Manuel Brandariz, director xerente da entidade, sinalaba que actualmente é unha empresa punteira que cobre desde Lisboa ao norte de España, con especial presenza en Asturias, Castela-León e Cantabria. Ademais está en proceso de expansión cara a Latinoamérica e África. Harinas Reyes ten un persoal de 39 traballadores e crea ao redor de 30 postos de traballo indirectos a través de empresas de transporte.
O vicepresidente da Xunta indicaba que desde o goberno galego se seguirá colaborando con estas empresas que crean traballo. O último ano, a fábrica de fariñas recibiu unha axuda autonómica de 70.000 euros para a adquisición dunha máquina de tecnoloxía punteira.
Relacionadas:
-
Traballadores de Elnosa rexeitarán no Parlamento Galego o "fanatismo" de BNG e Marea
Por Anxo Lourido |
-
A APDR pide á Xunta que negue a revisión da autorización ambiental solicitada por Elnosa
Por Redacción |
-
A Xunta avalía a supramunicipalidade para Elnosa pero lembra que a continuidade depende de Costas
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
O Concello de Pontevedra esixirá unha avaliación de impacto ambiental de Elnosa
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta inicia os trámites para conceder a autorización ambiental integrada a Elnosa
Por Oskar Viéitez |
-
A APDR pregúntase se a Xunta e o Estado "finalmente farán cumprir a lei" tras o ditame de Europa sobre Elnosa
Por Redacción |