VÍDEO.- Bronca entre veciños e skaters na apertura do skatepark provisional de Mollabao
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido
Os ánimos estaban tensos e a inauguración da pista de skatepark provisional de Mollabao converteuse nun patio de insultos e enfrontamentos entre veciños do barrio e ao redor de 50 skaters que pretendían utilizar a primeira pista deportiva instalada en condicións seguras para a práctica do monopatín en Pontevedra.
Os veciños concentráronse con pancartas dirixidas ao concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, que asistía acompañado polo presidente da asociación Skate Pontevedra, Iago Lastra e outros mozos deste colectivo. Os residentes na zona manifestaban as súas protestas preguntándolle ao concelleiro onde ían xogar agora os seus fillos, mentres un grupo de nenos xogaba ao fútbol na vía lindante ao novo skatepark.
Os berros, os chifres, os golpes no chan cos monopatíns e as protestas centraron esta polémica apertura do parque deportivo. O presidente da asociación de veciños Mollabao Si, Juan Saenz-Dez Malvar, lamentaba estes feitos e sinalaba que fora unha protesta espontánea por parte de particulares molestos co feito de que non se anunciara previamente este cambio de uso da pista, pasando de ser un campo de fútbol-sala a unha zona para a práctica do skate.
O presidente da asociación Skate Pontevedra, Iago Lastra e outros mozos sinalaban que a instalación era unha demanda solicitada desde hai máis dunha década polos afeccionados ao monopatín do municipio e destacaba que este deporte será olímpico en 2020 e conta con numerosos seguidores na provincia.
O Concello investiu ao redor de 9.000 euros neste proxecto, cun deseño elaborado en gran parte polos integrantes da asociación pontevedresa. Demetrio Gómez sinalou que se empregou a pista existente para aproveitar os recursos mentres non se constrúe a infraestrutura definitiva nunha parcela de entrada do campus universitario da Xunqueira, situada na contorna da rúa Celso Emilio Ferreiro.
CRÍTICAS
O malestar dos veciños que forman parte da asociación Mollabao Si ante o cambio de uso da pista deportiva sen comunicalo previamente foi recollido polo Partido Popular que entende que esta situación denota unha flagrante falta de coordinación e sensibilidade por todos os actores implicados, segundo apunta Jacobo Moreira. O concelleiro César Abal atopábase na pista durante o momento de máis tensión. Os veciños sinalan que a zona pode chegar a converterse nun foco onde os mozos se agrupen para realizar botellóns e consumir drogas.
Os populares sinalan que resultan "insultante" que a solución provisional sexa instalar a pista no mesmo sitio no que o goberno local decidira non instalala en 2011, "despois de que o BNG se vira obrigado a indemnizar a unha empresa especializada que gañara un proxecto valorado en 197.200 euros para a construción do skatepark".
O PP critica a pésima xestión de Demetrio Gómez ao que culpan de eliminar o único mercado que ten Estribela, acabar cos consellos parroquiais e carecer de proxectos para as tres falsas cubertas do tren. Neste sentido, Moreira considera inadmisible que non se acordase de consultar aos veciños de Mollabao sobre este proxecto
Relacionadas:
-
Pontevedra rende culto ao skate
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Usuarios do futuro skatepark supervisan o proxecto para convertelo en "referente"
Por Alejandro Espiño |
-
Un estudo de arquitectura catalán deseñará o skatepark do campus
Por Alejandro Espiño |
-
Os veciños de 'Mollabao SI' saen decepcionados da xuntanza co goberno local
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A asociación 'Mollabao Si' pide trasladar o circuíto de educación viaria para montar dúas pistas de pádel
Por Anxo Lourido |
-
Este mércores inaugurase un skatepark provisional en Mollabao ante o malestar veciñal
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
A universidade valora o efecto "positivo" que terá o skatepark ao "revitalizar" o campus
Por Natalia Puga & Alejandro Espiño |
-
O 'skatepark' estará no campus
Por Alejandro Espiño |