A asociación 'Mollabao Si' pide trasladar o circuíto de educación viaria para montar dúas pistas de pádel
Por Anxo Lourido
Juan Saenz-Diez Malvar, presidente da "asociación de Veciños Mollabao Si" achegouse na tarde deste mércores ata o skatepark provisional e quedaba soprendido polo enfrontamento verbal entre veciños e usuarios da pista ante a presenza do concelleiro de Obras, Demetrio Gómez.
O representante veciñal tivo oportunidade de trasladarlle ao concelleiro o malestar da asociación ante a decisión adoptada polo goberno local, sen comunicalo previamente, de crear a pista de monopatín no espazo que se utilizaba para xogar ao fútbol sala no barrio.
Polo momento, a asociación veciñal non ten previsto trasladar estas discrepancias á rúa con protestas ou que unha agrupación política leve o conflito ao pleno da corporación. Pero agardan que esta toma de decisións sen consulta previa non se repita a partir do mes de setembro cando está previsto que a Deputación provincial, gobernada polo PSOE e polo BNG, inicie a tramitación das obras de reforma do barrio.
Nesta reforma, como xa acordaran co Concello, queren que se desenvolva un proxecto moi ambicioso que cambie a imaxe desta contorna, que leva demandando melloras desde hai moitos anos.
Entre estas melloras solicitaron instalacións deportivas. Inicialmente xa reclamaran que a pista de fútbol sala se convertese nunha pista multiusos. Esa decisión terá que esperar a que se constrúa o skatepark definitivo no campus universitario. Ata entón, os veciños contarán coa pista provisional de monopatín baixo a ponte da autoestrada.
Unha das principais reclamacións veciñais é que se traslade o circuíto de educación viaria para a formación de escolares a outro emprazamento e no seu lugar se instalen dúas pistas de pádel para que poidan ser utilizadas polos veciños e tamén por outros cidadáns de Pontevedra. Juan Saenz-Diez Malvar entende que esta infraestrutura deportiva enriquecería o barrio e lle daría moita actividade.
O proxecto tamén inclúe a creación dunha praza baixo a ponte que mellore toda a contorna da Casa do Mar con beirarrúas amplas ao longo de Rosalía de Castro. A obra contemplaría tamén a apertura dun viario desde a estrada vella de Marín cara a beiramar. Os veciños esperan que se executen estas propostas para que se resolva a débeda histórica de investimentos en Mollabao.
Relacionadas:
-
O PP esixe a reforma integral de Mollabao
Por Oskar Viéitez |
-
Os veciños de 'Mollabao SI' saen decepcionados da xuntanza co goberno local
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
VÍDEO.- Bronca entre veciños e skaters na apertura do skatepark provisional de Mollabao
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
Este mércores inaugurase un skatepark provisional en Mollabao ante o malestar veciñal
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
A Deputación asumirá o trámite das obras de integración de Rosalía de Castro no traxecto urbano
Por Anxo Lourido |
-
Veciños de Mollabao e o Concello analizan o proxecto para a reforma do barrio, pero sen concretar prazos
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |