Pasa toda a noite pegando á xente nos pubs e acaba detido por ameazar á Policía nun 24 horas
Por Natalia Puga
Un veciño de Cotobade pasou parte da madrugada do Venres Santo nos calabozos da Comisaría detido como presunto autor dun delito de resistencia e desobediencia a axentes da autoridade. Antes de chegar a ese punto, pasárase o principio da noite liándoa por locais de ocio de Pontevedra, onde chegou a ser identificado pola Policía Nacional por lesionar tres clientes dos pubs nos que se atopaba.
O detido ten 32 anos e, segundo informou a Policía Nacional, no trascurso da madrugada as patrullas que realizaban tarefas de seguridade cidadá identificárono ao ser recoñecido como a persoa que agrediu de forma leve a tres cidadáns sen mediar nin causa aparente.
Nas devanditas identificacións como presunto autor de senllas faltas de lesións mostrárase agresivo e despectivo non só cos axentes senón tamén con aquelas outras persoas coas que coincidiu. Proferiu continuos insultos e ameazas.
Despois de liala toda a noite, o feito que o levou aos calabozos rexistrouse sobre as 5.45 horas, a Policía Nacional recibiu unha chamada dende un establecemento 24 horas da cidade porque había un individuo molestando aos clientes. Tras manifestar a súa intención de non realizar compra ningunha, negábase a abandonar o local.
Cando chegou a Policía, os axentes constataron que era o mesmo individuo que lles dera a noite nos pubs. Nesta ocasión volveu reaccionar de forma agresiva e negouse aos requirimentos dos axentes para que abandonase o lugar. Dirixiuse a eles con insultos e ameazas e cando lle pediron que se fose negouse e empezou un forcexo cos policías.
Finalmente, e posto que dito individuo continuou opoñendo unha forte resistencia de forma activa aos axentes, procedeuse á súa detención e traslado á Comisaría. Ao día seguinte foi posto a disposición do Xulgado de Garda.