A marea vermella chega ao Grove e obriga a pechar catro dos seus cinco polígonos bateeiros
Por Redacción
A marea vermella chega a O Grove. Catro dos seus polígonos bateeiros súmanse desde este martes aos peches decretados pola presenza de toxinas nas rías galegas, segundo os resultados das análises do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), realizados nos últimos días.
En concreto, as subzonas correspondentes aos polígonos Grove C1, C2, C3 e C4 foron mostreados na xornada do luns e detectáronse cambios correspondentes á afectación por toxinas lipofílicas, polo que o Intecmar declarou o seu peche.
Súmanse así a todos os da ría de Pontevedra, que permanecen pechados desde o día 13 de marzo (Portonovo A, B e C e Bueu A2), desde o día 15 (Bueu A1 e Bueu B) e, máis recentemente, desde o pasado xoves santo, 28 de marzo, en Cangas A e Cangas B.
Pola súa banda, segue pechado o polígono Grove B (F), de ostra, desde o 9 de setembro de 2011. O primeiro día de abril tamén se actuou sobre varios polígonos de Cambados, nos que o Intecmar permitiu que a situación administrativa siga tipificada como aberta.