Comportamentos exemplares
Por Oskar Viéitez
Afortunadamente o día a día tamén está cheo de accións modélicas aínda que habitualmente pasan desapercibidas.
Unha delas ocorreu o pasado xoves, ás 19.40 horas na rúa do Castañal. Un axente da Garda Civil destinado no posto de Ponte Caldelas e que estaba libre de servizo atopábase realizando unhas compras coa súa esposa cando observou como un home camiñaba con dificultade cos brazos levantados pedindo auxilio, momento no que ademais perdía o equilibrio, tropezando cun vehículo e golpeando a cabeza contra o asfalto, perdendo o coñecemento e respirando con dificultade.
Xunto co garda civil outro viandante que se atopaba na zona acudiron a prestar axuda realizando as correspondentes manobras de reanimación cardiopulmonar, conseguindo que recuperase momentaneamente a respiración, ata que chegou ao lugar unha ambulancia do 061 que trasladou a esta persoa ao hospital de Montecelo.
Outro comportamento exemplar tivo como protagonista a un operario do servizo municipal de guindastre de Pontevedra que o pasado 2 de agosto cando traballaba na rúa Eduardo Pondal atopou unha carteira cuns mil euros, un billete de lotería e documentación a nome do titular.
O operario do guindastre acudiu ás oficinas da Policía Local para entregar a carteira e o seu contido. Os axentes municipais localizaron ao dono e devolvéronlle a carteira perdida con todo o seu contido.