A Feira Franca é "a nai de todas as festas"
Por Cristina Saiz & Oskar Viéitez
A Feira Franca celebra este ano a súa maioría de idade convertida en "a nai de todas as festas", segundo presumiu o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que este ano elixiu un traxe composto por camisa e pantalón branco complementados por un chaleco e cinto de coiro.
Imposible rivalizar coa presidenta da Deputación, Carmela Silva, que acudiu á cita medieval pontevedresa vestida de dama de alto berce, cun longo vestido de cor azul engalanada con perlas e xoias. "Elixín este porque me parecía discreto", chanceou a presidenta provincial ante de agradecer á súa amiga Carmen que lle prestase o traxe.
Ambos mandatarios comerán en Pontevedra. Carmela Silva xunto a unha cuadrilla de amigos de Forcarei na Alameda e Lores nun restaurante acompañado da súa familia "e da miña neta".
O alcalde sinalou que o que máis lle agrada da Feira Franca é que "reúne todas as condicións que debe ter unha festa: popular, participada por todo o mundo, que cada día crece máis con familias, amigos e xente que vén de fóra".
"É unha cita extraordinaria que coloca a Pontevedra no mapa das grandes festas de Galicia", resumiu Carmela Silva "e do mundo", engadiu Lores.
"A Feira Franca é a definición exacta dunha cidade pensada para as persoas", presumiu o alcalde de Pontevedra quen recoñeceu que cando o BNG ideou esta festa pretendía encher de contido os espazos liberados dos coches, "o que pasa é que creceu de tal maneira que superou as expectativas que tiñamos".