O campus ofrece obradoiros de escalada, radio, cine, impresión 3D e percusión, abertos a toda a cidadanía
Por Redacción
A vicerreitoría do campus de Pontevedra impulsa un renovado programa de obradoiros para este primeiro cuadrimestre.
A iniciación á creación dun programa de radio e á escalada en rocódromo combínanse coa análise e escritura fílmica, a impresión 3D e a ecopercusión nunha oferta formativa que mantén aberta a súa inscrición na plataforma Culturxest.
"Trátase de propostas abertas a todo o mundo, que irán pechando as súas prazas por orde de inscrición e ás que buscaremos sumar outras actividades", apunta o responsable de Extensión Cultural do campus, Manuel Morquecho, destes cinco talleres nos que a comunidade universitaria conta cun desconto do 35% no prezo de matrícula.
Estes cinco obradoiros dan continuidade ao programa de cursos de Extensión Universitaria impulsado pola Vicerrectoría para este verán e abertos tamén a toda a cidadanía. O último deles, Danza histórica e técnica Laban, desenvólvese desde este martes e ata este venres na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.