O PSOE recrimina á Xunta que non investigara os contratos polos que Fiscalía imputou o alcalde de Vilanova
Por Redacción
A querela por prevaricación presentada pola Fiscalía da Audiencia Provincial de Pontevedra contra o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, pola suposta contratación irregular de 61 persoas dende o ano 2009 chegou este martes ao Parlamento de Galicia.
A Fiscalía actuou a raíz dunha denuncia presentada polo grupo municipal do PSOE no municipio arousano e foron os socialistas os que sacaron á luz o tema en sede parlamentaria. En concreto, o deputado Pablo García, quen preguntou os motivos polos que a Xunta de Galicia non investigou as posibles irregularidades nos procedementos de contratación con cargo ao Plan de Cooperación coas corporacións locais que teñen provocado a decisión da Fiscalía de imputar a Gonzalo Durán.
García lembrou ao xecretario xeral de Administración Local, Norberto Uzal, que existen reiterados informes por parte tanto da Intervención como da Secretaría do Concello, ademais de denuncias do grupo municipal socialista, ao respecto. Os documentos "advirten de incumprimentos da legalidade vixente, nos principios de igualdade, mérito, capacidade, e publicidade constuticional e outras normas lexislativas en polo menos 61 expedientes de contratación".
García insiste en que a Xunta "debe exercer algún tipo de control sobre as contratacións das que participa a través dos seus programas de cooperación, para evitar ser cómplice de posibles irregularidades que se poidan cometer". Nesta liña, reprocha ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda que se amose "moi reticente á investigación do que aconteceu durante varios anos no Concello de Vilanova de Arousa".
Os socialistas recordan que Gonzalo Durán é membro da dirección galega do PP e presidente da Mancomunidade do Salnés. Pablo García ironizou coa publicación por parte do xornal El País dunhas fotografías do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, no iate do narcotraficante Marcial Dorado, e sinalou que fai estes apuntamentos sobre o currículo de Durán para evitar que "nun futuro Feijóo non poida dicir que non o coñece".