Fin ás "trampas para peóns" en Eduardo Pondal
Por Redacción
O Concello de Pontevedra iniciará de inmediato os traballos de reparación na beirarrúa de Eduardo Pondal, situada entre as rotondas da Unidade de actuación 18 e de Doce de Novembro. Son traballos que foron presentados este martes aos veciños polos concelleiros Luís Bará e Carmen Fouces.
As obras consistirán en refacer a beirarrúa diante dos edificios porque polo paso do tempo repisou e ten un desnivel importante, chegando a rexistrar caídas e danos para os peóns. Segundo os servizos técnicos do Concello, o problema detectado é "o afundimento da beirarrúa pola mala execución da obra hai 25 anos, probablemente feita cun recheo que non era o adecuado para este tipo de espazos".
Os traballos consistirán en levantar a beirarrúa, darlle consistencia e repoñer o enlousado. Tamén se intervirá na rúa do Muíño (na baixada cara ao Gorgullón) para tratar de minorar a pendente con algún tipo de material que faga o tránsito peonil menos perigoso.
Esta obra ten un custe duns 50.000 euros e está incluída dentro do contrato de conservación e mantemento de espazos urbanos que invertirá 241.000 euros en distintos espazos públicos con mal estado nas beirarrúas, con problemas de seguranza viaria, asfaltados Está previsto actuar en zonas como na rúa Alameda e Martitegui, no paseo Colón, en Gutiérrez Mellado ou en Castelao.