Louro acusa a Moreira de "rebaixar ao lodo" o debate político municipal
Por Redacción
O tenente de alcalde de Pontevedra e voceiro do grupo municipal socialista, Antón Louro Goyanes, cre que "sería desexable" que o voceiro do PP, Jacobo Moreira, "rebaixara o ton verbal e renunciara a utilizar expresións insultantes ou degradantes para referirse aos seus rivais políticos, porque iso supón rebaixarse el persoalmente e rebaixar ao lodo un debate municipal que debe estar á altura das expectativas dos cidadáns".
Louro realiza esta apreciación a raíz da comparecencia pública realizada este martes por Jacobo Moreira para criticar o atraso na aprobación do orzamento municipal de 2013. Neste acto o voceiro dos 'populares' pontevedreses sinalou que "lo que dice el PSOE no importa nada. Louro traga con todo lo que le dice Lores, Louro no tiene voz, el PSOE ha hipotecado su vida política por tres sueldos".
Louro admite que "sería desexable" aprobar canto antes o orzamento para este ano, aínda que a actividade municipal non está nin moito menos paralizada, como amosan as múltiples actuacións que está a emprender o Concello nos distintos ámbitos competenciais. Nembargantes, considera "preocupante o desafortunado ton que adoita utilizar Moreira" nas súas últimas intervencións, tanto plenarias como diante dos medios de comunicación. Por elo, recoméndalle "que abandone a desesperación do precandidato á Alcaldía, pendente sempre de facer méritos diante do seu partido".
Na opinión de Louro, "esa desesperación réstalle credibilidade, e sobre todo obxectividade, para poder identificar e abordar os problemas que realmente preocupan aos pontevedreses". Uns problemas que, entende Antón Louro, teñen moito que "coas crueis medidas que está a adoptar o Partido Popular tanto no Goberno do Estado como na Xunta", en asuntos tan cotiáns como os desafiuzamentos, as preferentes, os comedores escolares ou as constantes privatizacións de servizos públicos.
O tenente de alcalde "estaría encantado de que Moreira amosara a mesma enerxía" para reclamar o Hospital ÿnico, o colexio de Valdecorvos, o instituto Carlos Oroza, o dragado da ría, a dotación económica da ARI do Centro Histórico ou o impulso da circunvalación e a autovía alternativa á AP-9.