O colexio da Reigosa, a punto para acoller os escolares no arranque do curso
Por Redacción
Todo está preparado para o inicio do curso escolar en Ponte Caldelas. Durante os últimos días realizáronse os traballos de mantemento e conservación no colexio da Reigosa e coa súa finalización atendéronse ás demandas realizadas polo equipo directivo do centro.
Os principais arranxos centráronse en persianas e portas. O colexio xa fora pintado o pasado ano e aínda se atopa en bo estado, segundo o goberno local. Tamén se trasladaron dous encerados e instalouse unha canastra de baloncesto no patio.
O alcalde Andrés Díaz visitou o centro e comprometeuse a levar a cabo outras obras de carácter estético como o pintado en branco do muro da zona de recreo dos escolares de infantil, que actualmente está afectado pola humidade. Tamén se van a instalar bandeiras oficiais na fachada do edificio e plantarase unha árbore no oco realizado no patio de formigón. E pintarase, ademais, parte do valado situado na contorna da porta de entrada.
O rexedor lamentou que a Consellería de Educación da Xunta de Galicia non acometera as obras prometidas ao non ampliar o ximnasio nin dotou ao centro dun comedor escolar. Sinala que a única actuación autonómica centrouse no cambio de piso do ximnasio, que se atopaba en malas condicións. Estas obras van realizar durante o inicio do curso, provocando que a instalación non se poida utilizar temporalmente.
O goberno local de Ponte Caldelas afrontou, ademais, reparacións no colexio Cordo Boullosa e na ludoteca municipal.