Levantan o embargo a un piso requisado a Franco Argibay e devólveno á súa dona lexítima
Por Natalia Puga
A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra decidiu levantar o embargo sobre un piso que no ano 2005 foi requisado ao avogado pontevedrés Manuel Franco Argibay no marco da instrución da operación Cormorán e que se demostrou que non pertencía ao imputado, senón que a súa lexítima propietaria nada tiña que ver coa rede dedicada ao branqueo de capitais procedenes do narcotráfico pola que foi condenado Franco Argibay.
A vivenda en cuestión está situada nun sétimo piso dun edificio situado na esquina entre as rúas Padre Gaite e Santa Clara, no centro de Pontevedra. A persoa que agora se demostrou que é a dona da vivenda, M.J.P.M., comprouna no ano 1996, pero en 1998 vendeulla por catro millóns de pesetas (24.000 euros) a unha empresa da que era único socio e dono Franco Argibay.
Un ano máis tarde, en 1999, o famoso avogado vendeu todas as participacións de ao citada empresa ao fillo da súa dona inicial, de modo que tanto o negocio coma o piso de Padre Gaite e Santa Clara cambiaron de mans. Non obstante, ata outubro de 2012 non se anotou por rexistro este cambio de propiedade e previamente, o 18 de novembro de 2005, o Xulgado de Caldas embargou a citada casa no marco da operación Cormorán.
En febreiro de 2012 todas as participacións da citada empresa pasaron ás mans de M.J.P.M., de modo que a Seccion Segunda de la Audiencia Provincial de Pontevedra considera probado que o piso en cuestión é desta muller e non de Franco Argibay.
Esta resolución ditada polo maxistrado José Juan Barreiro Prado non é nada común en materia xudicial. Corresponde a unha demanda que chegou á Audiencia en forma de tercería de dominio, un procedemento no que a que finalmente foi declarada dona do piso demandou Franco Argibay e o Ministerio de Xustiza porque o piso fora embargado e agora xa estaba en mans do Estado.
Tras escoitar as partes e analizar a documentación achegada, o presidente da Sección decidiu levantar o embargo da vivenda e declarar que a vivenda é propiedade de M.J.P.M.
A demanda por tercería de dominio chegou o xoves 28 de febreiro á Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra, a mesma sala que condenou a Franco Argibay a 3 anos e catro meses de prisión por un delito de branqueo de capitais procedentes do narcotráfico. A sentenza condenatoria da operación Cormorán implica o comiso de todos os bens de Franco Argibay e entre esas propiedades figuraba o piso de Padre Gaite e Santa Clara.