A maioría dos universitarios estranxeiros que estudan no campus de Pontevedra son mexicanos
Por Redacción
Procedentes de 15 países de tres continentes, os universitarios chegados neste mes de setembro para estudar no campus de Pontevedra reuníronse este mércores na Casa das Campás, onde representantes de diferentes servizos da universidade quixeron guialos nos seus primeiros pasos no campus.
Pontevedra recibe neste primeiro cuadrimestre un total de 44 estudantes internacionais, aos que hai que sumar, os 12 que permanecerán na cidade o curso completo e os tres confirmados para o segundo cuadrimestre.
Ao igual que nos últimos anos, México é o país que máis estudantes achega a Pontevedra, un total de 13 dos 59 matriculados ata a data. Portugal, con dez, e Brasil, con oito, sitúanse tamén entre as principais orixes do alumnado internacional do campus, ás que se suman este curso Turquía, con seis, e Italia e Reino Unido, ambos con catro.
Alemaña, Países Baixos, Francia, Romanía, Uruguai, Colombia, Chile, Grecia e Taiwán completan a faciana máis internacional dun campus que volve a ter na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación o principal centro receptor do alumnado estranxeiro, cun total de 24. Belas Artes, pola súa banda, recibe a 20 estudantes ao abeiro dos diferentes programas de mobilidade, mentres que Ciencias da Educación e do Deporte acolle a 13 e a Facultade de Fisioterapia a dous.