A Xunta axiliza a tramitación do PXOM de Cotobade e do parque empresarial de San Xurxo de Sacos
Por Redacción
A secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, mantivo este mércores unha reunión técnica co alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, e o equipo redactor do Plan Xeral de Ordenación Municipal co fin de revisar este documento, a modificación puntual para o parque empresarial e varios asuntos relacionados co Campo de Tiro de Borela.
Durante a xuntanza, revisouse o historial do planeamento desta vila, que se rexe por unhas normas subsidiarias de planeamento aprobadas en 1997. Dende o ano 2009, o Concello está a redactar un PXOM que, en agosto do ano pasado, recibiu o Informe Previo á Aprobación Inicial (IPAI) que emite a Secretaría Xeral. Neste documento, indicábase unha serie de axustes que o alcalde e o equipo redactor confirmaron a este departamento que xa estaban incorporados ao documento.
O seguinte paso será a aprobación inicial do informe en pleno, un impulso importante na tramitación que o alcalde de Cotobade confirmou terá lugar antes do verán, para que os dous meses de exposición ao público do documento coincidan coa tempada estival e teña a máxima difusión posible.
Axilidade nos traballos
O equipo redactor explicou que xa levan gañado moito tempo na consecución dos informes sectoriais, posto que foron solicitados unha vez emitido o IPAI e, neste intre, xa dispoñen dos emitidos polo Ministerio de Fomento, Augas de Galicia, Estradas, Deputación, Aena e Adif, indicacións que están a ser incorporadas no documento.
A Secretaria xeral e o responsable da corporación tamén trataron o estado actual da Modificación Puntual das Normas Subsidiarias do planeamento vixente para a creación dun solo urbanizable de uso industrial en San Xurxo de Sacos, cunha superficie de 163.828 m2, que o Concello leva redactando dende xaneiro de 2012 e sobre o que xa se emitiu o IPAI a finais do pasado ano. Así mesmo, aprobouse inicialmente no Pleno Municipal do 25 de febreiro e, actualmente, está exposto ao público ata finais desde mes.
Outro dos temas a tratar foi o Campo de Tiro en Borela que está a tramitar o Concello coa comunidade de montes e que precisa de autorización autonómica en solo rústico.
A secretaria xeral destacou a dilixencia do Concello de Cotobade na elaboración destes asuntos, en especial do Parque Empresarial que xa está na recta final da súa tramitación cara a aprobación definitiva. Para levar a cabo a redacción do PXOM, o concello recibiu unha axuda da Xunta por valor de 157.000 euros.