O concello pide unha subvención á Deputación para construír o centro sociocultural de Vilalonga
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo presentou na convocatoria de axudas da Deputación de Pontevedra o proxecto de construción do centro sociocultural de Vilalonga. Esta liña de subvencións da Deputación está destinada á mellora dos equipamentos, servizos ou dotacións singulares dos municipios da provincia con menos de 20.000 habitantes, e de concederse, o organismo provincial achegaría o 80% do seu custo.
Trátase dun edificio cuxa construción se interrompeu en 2008 e do que xa está feita a súa cimentación e a estrutura, nas que se investiron preto de 300.000 euros. A parcela na que está situado, no Revel, teñen unha extensión de máis de 2.500 metros cadrados e conta cos servizos de rede de abastecemento de auga e saneamento, enerxía eléctrica e a zona dispón de beirarrúas e iluminación pública.
O edificio ten unha superficie de 1.500 metros cadrados, distribuídos en dúas plantas de 870 e 633 metros cadrados. A planta baixa inclúe un vestíbulo, un auditorio de 156 butacas con escenario e tres vestiarios, unha cafetería, aseos xerais, unha oficina de información, arquivo, gardarroupa, e local de limpeza.
No primeiro andar, que contempla un acceso independente ao da planta baixa polo soportal, inclúe un distribuidor, biblioteca, 3 aulas de formación, 3 despachos e aseos. O proxecto inclúe a creación de 20 prazas de aparcadoiro dentro da parcela de 2.500 metros cadrados. O orzamento de execución de obra ascende a 1.700.000 euros e ten un período de execución de 12 meses.
O goberno quere dar continuidade ás xestións realizadas polo tripartito e impulsar un proxecto que está paralizado desde o ano 2008 e que resolverá, definitivamente, a carencia que ten Vilalonga dun espazo sociocultural que o resto de parroquias xa teñen resolto.
Mentres tanto, asinouse un acordo, mediante o cal o Concello asume o aluguer dun local durante un ano e no que todos os colectivos da parroquia poderán exercer as súas actividades.
Relacionadas:
-
Os veciños de Vilalonga poderán estrear o edificio cultural do Revel no Nadal de 2019
Por Redacción |
-
Paz Lago presenta o novo local social ás asociacións e colectivos de Vilalonga
Por Oskar Viéitez |
-
O novo centro educativo de O Revel, protagonista da reunión entre Cores Tourís e Gonzalo Pita
Por |
-
Unha visita técnica determinará se se pode retomar o centro social do Revel
Por Redacción |
-
O goberno local traballa na revisión do proxecto do centro social de Vilalonga
Por Redacción |