Aprazan o xuízo contra un marinense que trouxo un quilo de coca no estómago dende República Dominicana
Por Redacción
A Audiencia Provincial de Pontevedra tiña fixado para este xoves 4 de abril o xuízo contra o veciño de Marín J.M.G.C. por supostamente traer un quilo de cocaína escondido no intestino dende a República Dominicana ata o aeroporto madrileño de Barajas. Non obstante, xa a principios desta semana o xuízo quedou aprazado para garantir o dereito á defensa dos acusados.
Na vista están acusadas outras tres persoas, E.G.F., J.M.C.P. e D.J., os dous primeiros veciños de Pontevedra e o terceiro de orixe dominicana. Supostamente axudáronlle a planificar a viaxe en decembro de 2011, do que veu con 1.156 gramos de cocaína en 96 bolas que previamente tragara para desprazarse a España como un 'mulero' e de cuxa venda no mercado ilícito pretendían obter 34.000 euros.
Segundo indicaron fontes xudiciais, o xuízo aprazouse por un cambio de avogados. Os letrados deben ter tempo para preparar un xuízo no que o fiscal solicita para cada un dos catro acusados cinco anos e tres meses de prisión, así como o pagamento dunha multa de 100.000 euros.
J.M.G.C. viaxou cunha das doses máis elevadas das que foron intervidas a un 'mulero' en España. Previamente mantivera varias reunións cos outros tres procesados e "para asegurar o éxito do plan e pasar máis desapercibido nos aeroportos" levouse á República Dominicana ao seu fillo de 11 anos.
Segundo a Fiscalía, alí contactou con provedores de substancias estupefacientes que habitualmente operan no Caribe e aos que chegou a través do procesado D.J. De volta a España, o escáner do aeroporto de Barajas detectou bólas de cocaína na súa maleta e unha radiografía posterior que lle realizou a Policía revelou que inxerira as bólas restantes. Finalmente, expulsounas nun centro hospitalario e os seus cómplices foron detidos en Pontevedra.