O pleno de Bueu acorda estimar o recurso de Aqualia para evitar un posible revés xudicial
Por Redacción
A corporación de Bueu acordou estimar non pleno deste xoves o recurso de reposición presentado por Aqualia contra unha sanción municipal polo mal funcionamento da depuradora, para evitar un posible revés xudicial. Fíxoo cos votos a favor do BNG, a abstención de PP e PSdeG-PSOE e o voto en contra de ACB-SON.
O recurso de reposición foi interposto por Aqualia contra o acordo plenario de 6 de xuño de 2017 de imposición de sanción por comisión de falta administrativa moi grave.
Segundo aclarou o concelleiro de facenda, José I. García Cuervo, hai uns meses abriuse á concesionaria do servizo municipal de augas un expediente sancionador polo mal funcionamento da EDAR. A continuación, Aqualia presentou unhas alegacións e, "vistos os antecedentes anteriores, é case certeiro que o xulgado lle dese a razón dado que se lle permite cometer ata dúas faltas", xustificou o grupo de goberno.
Por outra banda, no pleno fíxose efectiva a renuncia ao cargo de concelleiro da corporación municipal do Concello de Bueu do nacionalista Juan Carlos Eirea Eiras, así como a aprobación definitiva dos orzamentos do ano 2017, e tamén se informou á corporación da solicitude de subvención para subministro de mobiliario para servizo de actividades municipais, así como a solicitude dunha subvención da Deputación en relación á construción dunha piscina municipal cuberta para a vila.
O pleno da corporación municipal de Bueu aprobou este xoves por unanimidade unha moción de apoio ás reivindicacións do parque de bombeiros provincial, que fora presentada polo grupo ACB-SON. A proposta quere velar pola defensa dos dereitos dos traballadores de emerxencias, que se atopan nunha situación cada vez máis precaria.
Outra das mocións que protagonizou o plenario deste xoves foi a de apoio petición de incorporación do Pazo de Meirás ao patrimonio público e a salvagarda da memoria histórica presentada polo grupo de Xulio Villanueva. A moción foi aprobada entón cos votos a favor de BNG, ACB-SON e PSOE. O Partido Popular preferiu absterse dado que é un tema que non afecta directamente á veciñanza de Bueu.