Javier Domínguez visita en Pontevedra o trailer expositivo da campaña "Oportunidades Galicia"
Por Mónica Patxot
O presidente de Sogama, Javier Domínguez, acompañado por representantes de Ecoembes, visitou este venres o tráiler expositivo da campaña autonómica "Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor", que se atopa a disposición dos cidadáns no tramo final da rúa Benito Corbal-Praza da Ferrería (zona peatonal da Peregrina), onde permanecerá toda a fin de semana, en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas.
Con este dispositivo, enmarcado na campaña promovida pola Xunta e na que tamén colabora Ecoembes e Sogama, preténdese "informar, formar e asesorar" aos pontevedreses nas boas prácticas ambientais vinculadas á xestión sostible dos residuos urbanos.
O tráiler, atendido en todo momento por educadores especializados, acolle diversas actividades educativas que permiten explicar aos visitantes que xestos e comportamentos deben adoptar cada día para consumir de forma responsable e reducir a produción de residuos, para aproveitar ao máximo os produtos e alongar a súa vida útil.
Tamén se incide na importancia de separalos por tipoloxías e depositalos nos contedores axeitados de cara a garantir o seu posterior reciclado: amarelo, para latas, briks e envases de plástico (nunca plásticos que non sexan envases nin envoltorios); azul, para envases de cartón e papel (nunca cartón e papel sucios, plastificados e con restos de graxa); iglú verde, para envases de vidro (sen tapas nin cortizas); recipiente específico para pilas; e contedor verde convencional, para a fracción resto, que Sogama transforma en enerxía eléctrica con todas as garantías medioambientais e de protección da saúde.
As explicacións dos monitores compleméntanse cun monólogo musicado a cargo de Celia Pía e con diversas accións lúdicas entre as que caberían destacar xogos tales como "Encesta os teus residuos" e "O xogo xigante da reciclaxe", ademais dun inchable e un circuíto de triciclos.
O obxectivo é crear un escenario no que se combine a formación e a diversión e que sirva como punto de encontro para o intercambio de coñecementos e experiencias.
Pola súa banda, os que así o desexen poden participar en enquisas a través das cales teñen a oportunidade de poñer a proba os seus coñecementos na materia e trasladar as súas observacións e comentarios sobre a problemática que representa a elevada xeración de lixo e a súa concepción sobre as medidas a aplicar para facer fronte á mesma.
MÁIS DE 93.000 PERSOAS ATENDIDAS
Tal e como deu a coñecer o máximo responsable de Sogama, desde que se puxo en marcha, en agosto de 2016, e ata o pasado mes de xullo, a campaña autonómica da reciclaxe atendeu de forma personalizada a máis de 93.000 persoas. A través do propio tráiler, un aula móbil e unha carpa informativa, despregáronse máis de 1.900 accións, que foron desenvolvidas en municipios, centros educativos, centros comerciais, asociacións, campamentos e eventos deportivos, entre outros escenarios.
Así mesmo, e de cara a estimular a participación dos mozos na reciclaxe, convocáronse concursos destinados a alumnos de ensino secundario e bacharelato para seleccionar o mellor vídeo-proxecto sobre separación de residuos e reciclaxe, así como a estudantes de escolas de arte para que puidesen crear as súas obras con materiais de residuos.
En ambos casos tratábase de fomentar a imaxinación e a creatividade, pero tamén o interese por participar no sistema de recollida selectiva, dada a oportunidade que supón para converter os residuos en recursos, conforme aos preceptos recollidos no modelo de desenvolvemento baseado na economía circular.
Ademais, tal e como recordou Domínguez, está en vigor un concurso destinado ao concello máis "Recicla-Activo" de Galicia, co que se pretende recoñecer o esforzo dos entes locais na xestión sostible dos residuos municipais.
Relacionadas:
-
Catorce colexios de Pontevedra participarán no programa Recíclate con Sogama
Por Redacción |
-
A compostaxe chega a 65 novos fogares de Vilaboa e Cambados a través de Sogama
Por Redacción |
-
Vilaboa inicia un novo reparto de composteiros aos veciños
Por Redacción |
-
Sogama entregará composteiros en Campo Lameiro
Por Redacción |
-
Bueu entrega composteiros individuais de Sogama
Por Redacción |
-
Os bañistas de varias praias pontevedresas recibirán educación ambiental
Por Oskar Viéitez |
-
Un colexio de Vilanova, campión do programa Recíclate con Sogama
Por Redacción |