Os socios opóñense ás obras propostas pola directiva do Casino na sede e A Caeira
Por Redacción
As obras que pretendía realizar a directiva do Liceo Casino na sede social na rúa Manuel Quiroga e no parque de verán na Caeira terán que esperar. Así o decidiron maioritariamente os socios da entidade na asemblea xeral realizada na noite deste venres, opoñéndose ás propostas realizadas pola directiva que preside Jaime Olmedo e que significaba incrementar o endebedamento bancario da sociedade en 559.000 euros.
Desde o anuncio da orde do día da asemblea levantouse gran expectación así como unha importante controversia entre a masa social do Casino, cunha importante oposición ás medidas que pretendía implantar a directiva.
Todo iso traduciuse nunha asistencia pouco frecuente, como hai moito tempo non se lembraba, con preto de douscentos socios presentes no momento de dar comezo unha longa, intensa e por momentos acalorada asemblea, con opinións favorables ás propostas da xunta, pero maioría de voces críticas que ao final se impuxeron nos dous puntos "estrela".
A reforma do emblemático inmoble do centro histórico, que incluía o cambio dos ascensores, a finalización da climatización, a fontanería, os baños e varios aspectos máis, cun custo estimado de 459.000 euros, foi o primeiro revés sufrido pola directiva, que vía como a súa proposta resultaba denegada, cun resultado contundente de 48 votos favorables, 64 en contra e 18 abstencións.
O devandito resultado xa aventuraba o que sucedería coa seguinte proposición de instalar catro pistas de pádel na cancha multiusos do pavillón de deportes, cun gasto de 100.000 euros e a perda deste recinto deportivo para outros usos. Neste caso, tamén despois dun longo debate, o resultado foi de 38 votos favorables, 62 en contra e 14 abstencións.
Despois de case tres horas de duración, preto das once da noite, finalizaba unha asemblea que si accedeu á proposta da directiva de subir a cota aos socios de número, que pasa a ser de 40 euros mensuais, aprobar o orzamento anual sen os investimentos anteriormente rexeitados, que se achega a 1.300.000 euros, así como á reforma parcial dos estatutos da sociedade.
Relacionadas:
-
Polémica entre os socios do Liceo Casino por unha operación de crédito
Por Oskar Viéitez |
-
O Liceo Casino recoñece medio século de fidelidade de catro socios
Por Redacción |
-
Cheo no baile de gala do Liceo Casino, con máis de 4.000 asistentes e 27 "debutantes"
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Mariano Rajoy, estrela do baile de gala do Liceo Casino seis anos despois
Por Ramiro Espiño & Cristina Saiz |