"Un reto, unha posibilidade e unha oportunidade"
Por Redacción
A deputada de Emprego da Deputación de Pontevedra, Montse Magallanes, recibiu este luns ao alumnado de formación profesional que desfrutará das bolsas do 4º grupo de mobilidade do proxecto "Prácticum Depo 2016". O alumnado asistiu a unha xornada no Edificio Administrativo na que se lles informou de diversos asuntos de interese para a posta en marcha da súa mobilidade no estranxeiro.
Ao abeiro desta iniciativa, a institución provincial permitirá que estes 50 alumnos de Formación Profesional de ciclos medios se formen, facendo a súa primeira incursión no mundo laboral e intercambiando experiencias a través de prácticas en empresas e institucións do Reino Unido, Italia, Irlanda, Malta, os Países Baixos, Portugal e Finlandia a partir do mes de outubro.
Montse Magallanes lembroulles que "estades ante un reto, unha posibilidade e unha oportunidade" e, por iso, pediulles "que a collades con emoción e con intensidade, dando o mellor de vós mesmos".
"Prácticum Depo 2016" é unha iniciativa plurianual, que ten un desenvolvemento de 24 meses e que se estende ata o 31 de maio de 2018. Grazas a esta iniciativa, que conta cun orzamento de preto de 600.000 euros, un total de 101 persoas de 29 centros, entre alumnado e profesorado, están a realizar ou realizarán prácticas laborais en diferentes entidades europeas.