A Peregrina "súa" e non é un milagre
Por Oskar Viéitez
Efectivamente, o santuario da Peregrina súa. Este chuvioso inverno incrementou as bolsas internas de auga que se acumulan nas paredes do templo. A fachada amosa os efectos da humidade.
Segundo as explicacións facilitadas polos técnicos municipais isto débese a que A Peregrina está construída en pedra do país extremadamente porosa e alta capilaridade.
En agosto do 2008, concluíu a última restauración da fachada do templo. Aqueles traballos nos que se investiron 725.000 euros, incluíron a sustitución do mortero do recubrimento exterior (as paredes brancas que se ven) eliminando o cemento e aplicando cal. Os responsables de urbanismo do Concello aclárannos que o mortero de cal é permeable, deixa pasar a humidade e permite "respirar". Obriga a un mantemento periódico cada varios anos, pero as vantaxes son evidentes.
En cambio, o mortero das paredes interiores segue sendo de cemento (impermeable, xa polo tanto), polo que, algún día, habería que cambialo, para permitir a mesma permeabilidade da parede externa.
Por estes motivos no interior da capela xérase bastante humidade. Ao ser un templo pequeno, cando se xuntan moitas persoas, o fenómeno increméntase. ÿ habitual atopar na igrexa varios deshumidificadores funcionando.
Durante as obras, tamén se protexeu ao edificio da humidade que entraba a través da cuberta, que foi completamente reparada. Ademais, forráronse con chumbo todos os beirados e petos para evitar que a auga chorrease directamente sobre as paredes.
De todos os xeitos, a principal vía de entrada de humidade ao interior dos muros é a través da cimentación e volve derivarse do tipo de pedra utilizada, de gran beleza, pero tamén con ese problema da capilaridade. Isto queda constatado polo feito de que as humidades máis intensas están en zonas baixas do edificio e nas fachadas máis frías, que dan cara ao Norte.