Unha semana para fomentar o uso da bicicleta entre todos os veciños de Poio
Por Redacción
Poio súmase este ano á celebración da Semana Europea da Mobilidade e promove a Semana da Bicicleta en colaboración con Poio Bike, o IES de Poio e a Federación Galega de Ciclismo, na que resulta determinante a participación da Policía Local e a Xefatura Provincial de Tráfico de Pontevedra e que leva por lema "Compartir lévate máis lonxe".
A programación incluirá unha serie de charlas sobre o mantemento e condución das bicicletas, seguridade pasiva e sensibilización en relación co accidente de tráfico tanto dentro como fóra do horario lectivo e tamén distintas rutas polo municipio.
A campaña está dirixida a sensibilizar aos responsables políticos e aos cidadáns sobre as consecuencias negativas que ten o uso irracional do coche na cidade, tanto para a saúde pública como para o medio ambiente, e os beneficios do uso de modos de transporte máis sustentables como o transporte público, a bicicleta e as viaxes a pé.
A programación comezou este luns coa difusión das actividades no IES Fontenla por parte do profesorado. Este martes 19 haberá unha charla co título 'Condución de bicicletas e taller de entretemento', dirixido a aproximadamente 100 alumnos de segundo curso da ESO e dun ciclo formativo do mesmo instituto.
Este mércores 20 haberá unha andaina aberta a todos os veciños a partir das 19.00 horas. O xoves 21 a actividade consistirá nun taller de educación viaria para nenos de Educación Primaria na Seca entre as 17.00 e as 20.00 horas. Xa o venres 22 unha marcha ciclista aberta a todos os veciños pechará a programación a partir das 19.00 horas.