Tráfico rescata un mozo desorientado que camiñaba cunha maleta pola autoestrada
Por Redacción
A Garda Civil localizou este luns un mozo cando camiñaba cunha maleta pola autoestrada AP-9 á altura de Mollabao.
Segundo informaron fontes oficiais do instituto armado, os feitos ocorreron sobre as 12:15 horas cando unha patrulla do Destacamento de Tráfico da Garda Civil detectou unha persoa camiñando pola autoestrada AP-9, no punto quilométrico 132:100, á altura de Mollabao, no municipio de Pontevedra, moi próximo á incorporación desde a estrada PO-10.
A perigosa situación deste mozo provocou a rápida intervención da patrulla de Tráfico que puido alcanzalo xusto no momento no que quedou atrapado entre os carrís de ambas as direccións cando pretendía cruzar a autoestrada
Ante o evidente estado de desorientación deste mozo, foi trasladado a unha zona segura da vía e unha vez comprobados os seus datos persoais, de identidade e domicilio, facilitouse o seu desprazamento ata a estrada N-550, nas proximidades de Pontevedra.
Por mor desta incidencia, a Garda Civil, ademais de reiterar a prohibición de camiñar pola autoestrada, apela ao sentido da responsabilidade solidaria dos demais usuarios da vía para que avisen aos servizos de urxencias do 112 ou á Garda Civil (Tlf.062), cando se atopen ou teñan coñecementos de incidencias deste tipo. A súa chamada de alerta pode salvar vidas.