Pedaladas 'premia' ás administracións pola súa falta de compromiso coa mobilidade activa
Por Redacción
O ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, xunto ás empresas Renfe e Adif, recibiron o primeiro premio Dinosauro de Ouro da Asociación Pedaladas.
Estes galardóns pretenden 'recoñecer' as decisións políticas ou a falta de compromiso que "están a lastrar a mobilidade activa", explicaron desde o colectivo.
A dubidosa honra do primeiro premio outórgase polos problemas que a empresa pública de ferrocarrís está a poñer para poder levar unha bicicleta no tren, augumentan desde Pedaladas. Ademais reclaman ao ministro a creación dunha vía verde aproveitando as liñas de ferrocaril en desuso.
Os premios, creados para 'animar' aos representantes políticos a que fomenten a mobilidade saudable a través da bicicleta, contaron tamén con catro Tartarugas de Prata para administracións como a Xunta de Galicia ou os concellos de Poio, Marín e Pontevedra.
No primeiro caso a destinataria foi a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, por non aprobar o Plan Director de Mobilidade Alternativa de Galicia.
Ao Concello de Poio achácaselle pola súa banda a prohibición do paso de bicicletas pola Senda da Ostreira "sen buscar outras solucións" aos problemas de espazo e convivencia que se daban nesa zona, solicitando á súa vez a creación dunha ruta para bicicletas e peóns entre Combarro e Pontevedra.
En canto a Marín, en concreto en alusión ao concelleiro Antonio Traba, a Tartaruga de Prata xustifícase na decisión de non completar o carril bici ata Aguete "polo único motivo da perda de prazas de aparcadoiro".
Por último dirixíronse ao Concello de Pontevedra e ao seu concelleiro Demetrio Gómez, porque a pesar da súa visión "progresista" no que a mobilidade e seguridade viaria refírese "está a esquecer que non todos os usuarios de bicicleta son capaces de circular pola calzada", polo que reclaman a creación de vías ciclistas para acceder a lugares como Monte Porreiro ou Cerponzóns.
Relacionadas:
-
Aumentan case un 50% as denuncias a ciclistas por infraccións
Por Redacción |
-
Catro días de actividades para a asemblea nacional de ConBici que se celebrará en Pontevedra
Por Redacción |
-
Organizan un paseo urbano en bicicleta en recordo ás vítimas de accidentes de tráfico
Por Redacción |
-
Vilagarcía encarga o deseño dunha rede de ciclovías polo municipio
Por Redacción |
-
Pedaladas celebra a Semana Europea da Mobilidade
Por Oskar Viéitez |
-
Reclaman vías verdes a golpes… de pedal
Por Redacción |
-
Masa Crítica, indignada ante a prohibición de circular en bicicleta pola Senda da Ostreira en Poio
Por Redacción |